Muimenta contará cun Museo das Zocas

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e o presidente da Asociación Tradicional de Xogos de Muimenta, Manuel Vila López, informaron dunha nova colaboración da Deputación con Xotramu para a posta en funcionamento do Museo das Zocas. O Executivo Provincial destina unha partida de 8.000 euros para colaborara neste proxecto.

Santos Ramos destacou “o enorme traballo e compromiso dos veciños da zona na recuperación do patrimonio artístico e cultural do seu municipio pois foron eles os que sen axuda algunha traballaron para poñer en valor a igrexa, na que se instalará o Museo das Zocas”. Neste senso, o voceiro do Goberno explicou que o executivo decidiu sumarse a esta iniciativa para homenaxear a todas as persoas que historicamente se dedicaron a este traballo, que conta cunha ampla tradición da zona, que serviu de axente dinamizador económico, e tamén social.

Este novo museo estará emprazado na Igrexa Vella de Muimenta, entorno que ao contar xa cun Museo Pedagóxico, convértese nun entorno único tanto para veciños como para visitantes. O espazo que se habilitará cos fondos da Deputación, duns 80m2, acollerá exposicións sobre pezas relacionadas con este oficio: zocas antigas, materiais, ferramentas ou zocas de nova elaboración. Os traballos consistirán na dotación dunha nova instalación eléctrica, recuperación das pezas e construción de expositores.

O Goberno da Deputación colabora tamén con Xotramu na promoción da Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta, que nesta edición ofreceu máis de 100 actividades. Trátase dun evento co que ademais de ofrecer unha xornada lúdica aos veciños, se impulsa a economía local, pois conta cunha media de visitantes superior ao medio milleiro. A billarda, a brisca, ou os xogos de papel son só algunhas das actividades que se ofrecen a través desta programación.

Asociación de Muimenta que ten como obxectivo a recuperación de xogos tradicionais. Dende o ano 2008, Xotramu organiza a xornada de xogos tradicionais no recinto Manuel Vila do Concello de Cospeito, que conta coa participación de asociacións de toda Galicia, Asturias e Portugal. Unha das metas da asociación é que a Festa de Xogos Tradicionais sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.

Etiquetas