Muras abre o prazo para solicitar as bolsas para escolares

O Concello de Muras crea un fondo de subvencións en concepto de becas a familias, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades compensando solidariamente as desigualdades económicas e favorecendo a inclusión social , para, que desta maneira, evitar situacións de emerxencia social.

Para elo, establécense bolsas para a compra de libros e material didáctico complementario para alumnos de educación infantil, primaria e secundaria, educación especial, bacharelato, formación profesional e estudos universitarios. Para gastos de alugueiro e transporte para alumnos de bacharelato, formación profesional e estudos universitarios.

Para ser beneficiario destas axudas o estudante debe estar empadroado (xunto ao resto dos membros da súa unidade familiar) no Concello de Muras cunha antelación de 1 ano no momento da convocatoria e ata a finalidade do curso escolar para o que se lle concedeu a axuda; e que teña a residencia habitual e efectiva en Muras.

No caso de axuda para material didáctico complementario, é necesario que o alumno curse estudos de educación infantil ou primaria en centros situados no Concello de Muras. No caso de axuda por transporte e alugueiro, o estudante debe cursar estudos para os que fora necesario desprazarse ou aloxarse fóra do Concello durante a totalidade do curso lectivo.

Para a adxudicación da contía ligada á residencia do estudante durante o curso requirirase que o solicitante acredite a necesidade de residir fora do domicilio familiar durante o curso, por razón da distancia entre o mesmo e o centro docente, os medios de comunicación existentes.

No caso de axuda a estudantes que cursen estudos universitarios, que o estudante estea matriculado en titulacións de estudos oficiais ou propios da Universidade fóra do Concello durante a totalidade do curso lectivo.

No caso de educación postobrigatoria, que os estudantes teñan superado o curso e pasen ao seguinte e no caso de estudantes universitarios que teñan superado o 50% dos créditos das materias nas que se matricularon, sempre e cando a matricula sexa superior a 48 créditos.

Que o beneficiario non teña axudas ou subvencións pendentes de xustificar ante o Concello de Muras.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 3 de decembro, contando 20 días dende o día seguinte da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o 15 de novembro.

As contías máximas establécense nos seguintes tipos de bolsas, libros, material complementario, transporte e aloxamento, en función das etapas educativas: Segundo ciclo de educación infantil (3 a 5 anos): ata 50 euros; educación primaria (do primeiro ao sexto curso): ata 50 euros; educación secundaria obrigatoria (do primeiro ao cuarto curso): ata 200 euros bacharelato (do primeiro ao segundo curso): ata 200 euros; alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%: ata 250 euros.

Non obstante, a contía da axuda poderá verse incrementada si estes alumnos se atopan nun curso Universitario ou de Formación Profesional, ata o maximo establecido para aqueles. Para estudantes Universitarios e de Formación profesional: 1.000 euros si os ingresos da unidade familiar non son superiores a 3 veces o IPREM -500 euros si os ingresos da unidade familiar quedan entre 3 e 4 veces o IPREM -350 euros si os ingresos da unidade familiar superan 4 veces o IPREM.

Etiquetas