Un seminario da UDC céntrase nos fresos dos Vilares

Os frescos dos Vilares formarán parte do Máster de Estudos Avanzados de Museos, Arquivos e Bibliotecas (MAB) da USC no Campus Industrial de Ferrol.

As pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares, en Guitiriz, serán as protagonistas da conferencia que impartirán o 31 de xaneiro no Salón de Graos de Esteiro a museóloga Sônia Engroba Cabana e a restauradora Uxía Aguiar Ballesteros (autoras do proxecto de restauración) e o presidente da Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, Antón Tenreiro Ferreiro (Antón de Guizán). O Máster está coordinado pola profesora Raquel Díaz Seijas.

As pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares (S.XII) en Guitiriz son obra do Mestre de Parga e teen máis de 500 anos de antigüidade. Actualmente atópanse en serio risco de desaparición definitiva polo mal estado de conservación o que motivou unha intensa campaña por parte das asociacións culturais da zona para reclamar unha atención a esta obra.

Os frescos foron descubertos no ano 1991 sendo párroco o actual Deán da Catedral de Santiago, don Segundo Pérez cando se realizaban obras no interior. Desde aquela, as humidades, rodamentos do bancos e o paso do tempo foron degradando estas importantes pinturas localizadas en dúas das paredes máis antigas do templo e das que da unha grande información un estudo do profesor Monterroso Montero no caderno n° 8 de Estudos Mindonienses.

A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia ten aprobado en decembro de 2017 un acordo para iniciar conversas con outras administracións que leven á salvación definitiva dos frescos. Neste tempo, Patrimonio ten encargado xa un proxecto definitivo e só faltaría a decisión política de habilitar os fondos necesarios para proceder aos trámites de contratación dos traballos. O proxecto foi elaborado pola restauradora Uxía Aguiar coa colaboración da museóloga Sônia Engroba, ponentes destas xornadas.

A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares leva casi un lustro reclamando a sua restauración para evitar que se perdan estas importantes pinturas renacentistas.

Esta conferencia é aberta ao público e forma parte da campaña pola restauración dos FRESCOS DOS VILARES/V SÉCULOS DE NÓS

Etiquetas