Idoia Cuesta participa nun programa de formación de aprendices artesáns

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución dun programa de axudas para impulsar o relevo xeracional na Artesanía de Galicia, a través do cal se busca formar aprendices e posibilitar a transmisión das técnicas artesanais.

Así, hai dous talleres que asinaron acordos con dous aprendices, ambos situados en Viveiro: o obradoiro especializado en cerámica Regal Cerámica e o de xoiaría Óscar Rodríguez Joyeros. Os outros dous obradoiros da provincia que resultaron beneficiarios das axudas foron Santiago Besteiro, situado en Monterroso e especializado no traballo co coiro, e mais o de Idoia Cuesta, localizada en Outeiro de Rei, e dedicado á aplicación das técnicas de cestería a materiais téxtiles, cada un cun aprendiz.

Os artesáns e os aprendices subscriben un acordo de formación para levar a cabo as prácticas non laborais, financiado pola Xunta. Os aprendices son mozos e mozas de diferentes disciplinas de Formación Profesional, Deseño Industrial e Belas Artes que están a completar a súa formación grazas a esta iniciativa, que adapta a formación dual ás características propias do sector.

Impartiranse coñecementos, tanto teóricos como prácticos, nos propios obradoiros artesanais baixo a supervisión dun titor que deberá ter a formación e experiencia necesarias. Ao remate do período formativo, a empresa terá que expedir un certificado ao bolseiro acreditativo das horas, período e contidos de dita formación.

Cada artesán, que terá que estar inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, recibirá unha contía fixa de 200 euros ao mes para sufragar os gastos de Seguridade Social e de funxibles e materiais, ademais do importe que lle corresponderá ao alumno por participar na bolsa, que será de 800 euros ao mes no caso de que o proxecto teña unha duración dun ano e sexa a xornada completa. Se a empresa conta con 6 ou máis traballadores pode solicitar ata 2 aprendices, polo que se duplica o importe da axuda.

Etiquetas