Vilalba Aberta solicita unha compensación para os afectados polas obras en San Roque

Vilalba Aberta fará súas as reivindicacións da veciñanza da Rúa San Roque, logo de teren dende a formación coñecemento das molestias relativas á imposibilidade do acceso aos garaxes privados durante as máis de catro semanas de obras.

Unha limitación de máis dun mes de duración, que tal e como argumentaba o seu voceiro, o edil Modesto Renda, “esixe da pertinente compensación pola vía dun desconto equivalente na Taxa de Pasaxe de Vehículos”

Na mesma liña, dende Vilalba Aberta trasladarán tamén a indignación veciñal ao respecto do que cualifican coma “remate cutre” da Rúa, en clara referencia á utilización de “formigón barato” e en contraposición ao formigón impreso e á “pedra de máis de 200€ o m²” utilizada – lembran – diante da casa de Agustín Baamonde.

“Formigón de recheo nunha das esquinas máis comerciais da vila e materiais nobres con pedra de máis de 10 cm diante da vivenda do Alcalde” denunciaba un Modesto Renda, que pedirá así mesmo explicacións diante do que definiu coma “unha incuestionable revalorización de bens” en contraste co aplicado na citada Rúa de San Roque.

Etiquetas