O PSOE asegura que o alcalde de Vilalba renunciou a unha subvención

O Grupo Municipal Socialista vén de censurar a decisión do alcalde de Vilalba, o popular Agustín Baamonde, pola renuncia dunha subvención concedida por valor de 29.086,34 euros para a instalación de paneles interpretativos en lugares de interese patrimonial. Neste senso, desde o Partido Socialista recordan a súa proposta en pleno para a creación de rutas de sendeirismo por medio de emendas aos orzamentos, mais “naquel intre Baamonde contestou que xa tiñan planeada a creación das mesmas e a colocación da sinalización oportuna”.

A subvención da Axencia de Turismo de Galicia foi concedida ao Concello de Vilalba logo da súa solicitude en xullo deste ano. Porén, o alcalde ditou o 26 de setembro un decreto renunciando á subvención por “carencia de persoal” para a súa tramitación, cando “conta con cinco concelleiros e concelleiras cobrando un salario político, ademais dun asesor persoal”, critican desde o Grupo Socialista.

Esta renuncia para a mellora das infraestruturas turísticas “é unha consecuencia máis da falta de traballo do equipo do PP, cun xeito de operar incomprensible que conleva a perda de oportunidades por pura incompetencia”, destacan os socialistas. Na liña da oposición socialista, “os traballos de fiscalización desentrañan unha vez máis a perda de cartos públicos para a mellora e a posta en marcha de accións que beneficiarían á nosa localidade, pero semella que Baamonde, despois de tantos anos en política, segue impertérrito ante estas situacións sen poñer solucións nin prevelas”, conclúen.

Etiquetas