Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes denuncia vandalismo no edificio de Hexágono

Por 4 Decembro, 2018Sin comentarios

O Concello presentou está maña, no cuartel da Garda Civil das Pontes, unha denuncia polos actos vandálicos producidos no edificio polivalente do Hexágono, durante a madrugada do sábado, onde se orixinou un incendio nun dos aseos e se prendeu lume a unha das cámaras de seguridade instaladas no local.

Esta mañá técnicos municipais acudiron ata o edificio para valorar a contía dos danos e a Policía Local xa está revisando as gravacións das cámaras de seguridade co obxectivo de tratar de esclarecer os feitos e atopar ós causantes do incendio.

Desde o Concello, a tenente de alcalde, Montserrat García, amosou o seu gran malestar e indignación ante este tipo de actuacións. “Estas instalacións son de todos os ponteses e pontesas, estamos ante un acto que atenta contra o noso patrimonio, contra toda a veciñanza. Cada ano, o Concello das Pontes realizar un enorme esforzo na conservación, mantemento e recuperación de espazos para o uso e goce de todos os veciños e veciñas do pobo e este tipo de actos incívicos son intolerables, dánanos a todos”.

Asemade García instou os autores a que antes de actuar pensen en que as instalacións son públicas e todo o que se faga contra elas reverte en cada un dos veciños e veciñas das Pontes.

O edificio conta na actualidade con varias cámaras de seguridade preventivas, cun efecto disuasorio, para previr e actuar ante calquera tipo de feito delituoso pero debido ó acontecido durante a madrugada do sábado, García subliñou que “os actos vandálicos rexistrados no Hexágono reafirman a necesidade de contar con este tipo de cámaras nos edificios públicos e, para evitar que se volvan a repetir, a partir de hoxe, quedará prohibido o acceso ó edificio a partir das 22:00 horas e será a Policía Local a que, cada día, se encargue de supervisar as instalacións”.

Por outra banda, a tenente de alcalde anunciou que as instalacións permanecerán pechadas mentres se arranxan os danos e pediu desculpas a todos os seus usuarios polas molestias que lles poida causar este incidente.

Desde o Concello faise un chamamento público para que toda a veciñanza coide do entorno e o patrimonio da vila porque “custa traballo e cartos volver a poñer a disposición do pobo as infraestruturas, deixando de investilos noutros proxectos encamiñados a mellorar a calidade de vida dos ponteses e pontesas”. Tamén solicítase a colaboración cidadá para que informen de calquera actitude incívica e evitar que se repitan feitos similares.