Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Feira do Capón de Vilalba sacará á venda uns 1.800 exemplares o día 21

Por 12 Decembro, 2018Sin comentarios

Un ano máis a tradicional Feira do Capón de Vilalba volverá celebrarse na capital da Chaira en vísperas de Nadal. Nesta ocasión a feira será o día 21 a partir das dez de mañá.

Tal e como anunciaron os responsables desta feira na súa presentación, o formato da feira seguirá os mesmos parámetros que anos anteriores. Abrirase o recinto para os criadores ás oito da mañá con reserva dos aparcadoiros subterráneos. Ás 9.30 horas o xurado mirará o xénero para outorgar os premios, que se dará a coñecer sobre as 12.30 horas. Un ano máis distinguirase ao mellor criador, cun premkio de 300 euros, á mellor cesta, con 200 e ao mellor par con 150 euros.

A mañá estará amenizada polos grupos tradicionais que servirán de marco á venda destes animais, que se espera que un ano máis sexa do cen por cento. Serán os encargados deste apartado a Charanga de Vilalba e a Banda de Gaitas Mato Vizos. En total estarán á venda uns 1.800 animais, dos que o 60% xa están vendidos ou apalabrados polos clientes habituais.

Previamente, entre o 17 e o 21 de decembro volverán celebrarse as xornadas gastronómicas nas que participarán uns 15 locais de Vilalba, que ofrecerán un prato ou unha tapa elaborados con capós de Vilalba.  O servizo será estes días en dúas quendas, entre as 13.00 e as 15.00 horas e entre as 20.00 e as 23.00 horas. As tapas terán un prezo estándar de 2,50.

Os locais que participan nestas xornadas son A Taberna do Michel, Xalundes, O Porrás, Stama, Lembranzas, O Porrón, Bar Centro, Xoldra Vilalba, A Lareira, Cristal, La Casa del Lobo e Mesón do Campo, que servirán tapa. Cun prato específico de capón participan Lar Os Pios, o Parador e Hostal O Cristo.

Nesta iniciativa colabora un ano máis a Asociación de Empresarios Sete Pontes.

Actualmente estanse criando para a feira un total de 1.800 capós, a mesma cantidade que nos últimos cinco anos, actuación na que participan 60 criadores da zona.