As Pontes licita obras no rural por valor de 160.000 euros

O Concello das Pontes anuncia unha inversión de preto de 160.000 euros para levar a cabo diversas actuacións de renovación e ampliación de servizos no rural que permitirán mellorar a calidade de vida da veciñanza, obras financiadas pola Deputación da Coruña.

Desde o Concello apuntan que “estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés, valorado en preto de dous millóns de euros, destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos saneamentos e ampliar os equipamentos xa existentes”.

En concreto, o Concello licitou os traballos de reparación da capa de rodadura nos viarios da parroquia de Goente, nos lugares de Caivancas, Reboredos e Morixoso, e na parroquia de Somede, no viario que vai cara ó pantano.

Estas obras, con cargo ó plan complementario do POS 2018 e cun orzamento base de licitación de 74.853,96 euros, contemplan, previo ó inicio das obras, a limpeza das cunetas para o correcto drenaxe do firme e aporte de grava e tratamento asfáltico naquelas zonas nas que existan fochancas.

Posteriormente procederase á renovación da capa de rodadura con pavimento bituminoso e da sinalización horizontal co pintado das liñas nos bordes da estrada e as sinais precisas segundo estipula o código de circulación.

Por outra banda, o Concello das Pontes tamén sacou a licitación o proxecto de instalación de saneamento e mantemento en Marraxón de Arriba, obras cun orzamento de 84.529,15 euros. Esta actuación permitirá a instalación dun colector colectivo, por gravidade, que rematará en dúas fosas sépticas comúns que darán servizo a todas as vivendas do núcleo rural.

Asemade os traballos inclúen a instalación de arquetas de rexistro e sifónicas nos puntos de acometida das vivendas así como a súa conexión ó colector. Xunto coas obras de instalación do colector realizaranse traballos de repavimentación das zonas afectadas.

Paseo Fluvial sobre o Río Eume

Noutro orde de temas, o goberno municipal anunciou que o ente provincial tamén financiará a construción dun novo tramo do paseo fluvial sobre o Río Eume, concretamente o que transcorre entre a Ponte de Isabel II e a Ponte dos Chaos, na súa marxe esquerda.

O proxecto, que suporá unha inversión aproximada de 159.000 euros, ten como obxectivo revitalizar a senda, reutilizando o paseo peonil existente. Deste xeito, a actuación contempla a instalación de pavimentos de jarbe e lastras de granito para mellorar a accesibilidade e impulsar a mobilidade na zona así como o ancheado da senda naquelas áreas nas que sexa preciso.

O proxecto permitirá tamén a construción de tres áreas de descanso ó longo do novo tramo, a instalación de barandas de seguridade para evitar caídas ó río, nas zonas necesarias, e de luminarias e mobiliario urbano.

Por outra banda, na zona correspondente á Ponte da Presa de Alende está prevista a creación dun paso sobre o afluente ó Eume e a eliminación das escaleiras de baixada desde a ponte ó paseo para construír outras máis afastadas e accesibles.

Desde o goberno municipal apuntan que “con este novo tramo, continuamos avanzando na recuperación dos espazos naturais da nosa vila, poñemos en valor a beira do Río Eume, preservando, deste xeito, o noso patrimonio e creando zonas de lecer para o uso e o goce de toda a veciñanza”.

Etiquetas