Sabela será finalista de Operación Triunfo

Sabela, a cantante das Pontes, conseguiu entrar entre os cinco finalistas do programa televisivo Operación Triunfo tras un emocionante programa no que colleu a cuarta posicion. Sabela volveu dar o mellor de si mesma cunha canción na súa lingua natal, Negro Caravel de Rosa Cedrón e Cristina Pato, un tema que Sabela escoitaba de pequena nun cassette e que fantaseaba con poder cantar algún día sobre un escenario. “Os soños cúmprense”, díxolle a súa nai Mari Carmen, invitada a plató para ver á súa filla.

Entre bágoas e emoción, non dubidou en exhibir o seu orgullo ante o gran concurso realizado pola súa filla, que estivo a piques de marcharse a casa cando foi nomeada na Gala 1, pero que traballando en silencio e de xeito incansable, colocouse na final. “Iso é o que tes que facer, seguir adiante, adiante e adiante sempre”, dixo Mari Carmen.

Non se quedou atrás na súa valoración Manuel Martos, que aplaudiu a actuación de Sabela. “Que luxo para nós escoitarte. Foi moi bonito e emotivo e volviches demostrar que sabes moverte como peixe na auga en calquera rexistro”, díxolle á galega.

Con esta interpretación espectacular Sabela namorou ao público, que a recompensou elixíndoa como cuarta finalista co 43% dos votos. Estivo a só un paso de ser a primeira expulsada e tres meses despois está na final.

Ademais tivo que defender unha canción de grupo con Famous e Miki, na que conseguiron integrar as súas voces con Calypso. Tralas indicacións que lles deron os profesores durante os ensaios, os mozos dérono todo na Gala 12 con esta canción de Luís Fonsi.

Sabela enfrontarase na final do 19 de decembro a Famous, Natalia, Alba e Julia.

 

 

Etiquetas