Aprobadas novas obras en seis centros educativos da Terra Chá

Aprobaronse novas obras de mellora en cinco centros educativos da Terra Chá e no IES Pedregal de Irimia de Meira, por un importe global de 91.000 euros.

Este traballos están en fase de contratación e executaranse ao longo dos vindeiros meses, de forma que a totalidade dos proxectos estean rematados no que resta de curso.

As obras realizaranse en tres centros de educación infantil e primaria e outros tantos instituto de secundaria. En concreto, no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Monseivane, de Vilalba, vanse cambiar canlóns e baixantes; no CEIP Ramón Falcón, en Castro de Rei, realizaranse reparacións en varias aulas, e no CEIP de Bretoña (Pastoriza), vanse renovar aseos.

Polo que respecta aos Institutos de Educación Secundaria (IES), no Basanta Silva de Vilalba vaise reparar a cuberta do salón de actos,  e no Lois Peña Novo -tamén de Vilalba- e no IES de Meira procederase ao cambio de ventás.

A finalidade é que haxa obras nos centros para dispoñer dunhas instalacións confortables e seguras, nun marco adecuado para o desenvolvemento dun ensino público de calidade.

Neste sentido, nalgúns destes centros realizáronse nos últimos meses outras reformas, como a instalación de novas varandas de seguridade nas ramplas e escaleiras de acceso no Instituto do IES Lois Peña Novo, a reforma de dous baños do segundo andar no CEIP Ramón Falcón, reparacións no ximnasio do CEIP de Bretoña, a mellora dos baños no CEIP Monseivane, ou arranxos no comedor do IES Basanta Silva.

Etiquetas