Skip to main content
Actualidade

O Pleno das Pontes aproba os proxectos do POS 2019

Por 26 Decembro, 2018Sin comentarios

O pleno do concello das Pontes deu luz verde, cos votos a favor do PSOE, BNG e PP e a abstención de Xuntos por As Pontes, ás actuacións financiadas con cargo ó Plan de Obras e Servizos (POS+) 2019 da Deputación da Coruña, cunha inversión de 3.597.202,90 euros, dos cales 1.336.719 euros corresponden ó POS 2019 e 2.260.940 euros ó POS complementario do mesmo ano, e que permitirán levar a cabo 24 proxectos.

A achega do ano 2019 inclúe tres partidas, unha de 555.220,96 euros correspondente á aportación provincial dese ano, a achega de 2018 para pago a provedores cunha contía de 399.719,80 euros, e 381.321,56 euros que corresponden ó préstamo provincial do ano 2019, que irán destinadas a nove actuacións.

A achega provincial do 2019 permitirá levar a cabo catro proxectos entre os que se atopan a mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia, fase III á que se destinará 227.563 euros e a mellora da accesibilidade e humanización da contorna do cemiterio dos Alimpadoiros por 122.465 euros. Destinará 170.818 euros á reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero e una partida de 34.372 euros dedicarase á reparación e mellora do firme en Ermida, Porto dos Frades e A Bouza.

Coa partida do ano 2018 realizarase o pago a provedores e levaranse a cabo o proxecto básico e de execución de mellora de servizos e pavimentos na Rúa A Casilla, por 86.491 euros. Asemade, dedicaranse 168.441 euros á construción dunha pasarela peonil sobre o río Eume, paralela á ponte de Isabel II e procederase á reparación e mellora do firme nos lugares de Pedregás, Espá, O Sisto, Paipaz e o Cameleiro, actuacións ás que o Concello de As Pontes destinará 113.795 euros.

Por outra banda, da asignación do préstamo provincial 2019, investirase unha partida de 347.500 euros ó proxecto básico e de execución de obras de renovación e mellora de accesibilidade na Piscina Municipal mentres que 33.821 euros irán ós traballos de reparación e mellora de firme en Pereira.

Desde o grupo de goberno apuntan que “as obras incluídas no POS 2019 responden ás demandas da veciñanza. Mantivéronse diversas reunións co tecido social do pobo para coñecer as súas necesidades, valorar diferentes propostas para contar, desde o primeiro momento, coa súa colaboración na elaboración dos proxectos”.

O executivo local tamén apunta que se trata de actuacións prioritarias que van permitir continuar coa folla de ruta deseñada para mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza e coas que se poderá seguir avanzando na renovación estrutural e estética do centro urbano e impulsando servizos nas parroquias.

POS COMPLEMENTARIO

O pleno municipal tamén aprobou o POS Complementario, con 2.260.940,58 euros, que se destinarán a 15 proxectos entre os que destacan a mellora de servizos e pavimentos na Rúa Pardo Bazán, Fase I, cun orzamento de 461.846,26 euros así como a rehabilitación da edificación para o local sociocultural situado na Praza da Igrexia nº3 , cunha partida de 242.000 euros, e ó proxecto de reparación e mellora do firme en Fraga dos Cregos, O Pazo, Murazoso, Cascalisto, Piedrafita, O Ruño, Badón, Gañidoiras e Somede por 236.327 euros.

Unha partida de 199.138 euros investirase na mellora de pavimentos na Rúa Antonio Machado, 187.854 euros na reposición de servizos e pavimentos na Rúa Cabanas e 180.974 euros na mellora da pavimentación e servizos na rúa Vía Romana. Asemade dedicaranse 137.383 euros ó proxecto básico e de execución de mellora da accesibilidade e renovación do pavimento na Avenida de Lugo, na súa marxe dereita, 116.330 euros irán á renovación de pavimentos e mobiliario urbano na Avenida das Campeiras mentres que 179,740 euros investiranse na reposición da capa de rodadura en camiños de Espiñaredo, Pontoibo-Covelo, Caneiro, Casas Ermas e Bidueiro.

Tamén no rural pontés se investirán 69.759 euros para a reposición e mellora de firmes no viarios municipais nas parroquias de San Xoán do Freixo e Santa María de As Pontes. Unha partida de 66.458 euros irá destinada á reparación da capa de rodadura dos viarios en Reboredos, A Castiñeira e o Castro mentres que 30.990 euros investiranse na reparación e mellora do firme en Porto do Liño e 35.990 euros no asfaltado de estradas en Vilarmouro e Chao (O Freixo)

Finalmente, o Concello de As Pontes investirá 79,980 euros na renovación e mellora da accesibilidade no patio exterior do Conservatorio Profesional de Música e 36.146 euros na reparación do campo da festa na parroquia de Ribadeume.

Ó remate da sesión plenaria, a tenente de alcalde, Montserrat García, agradeceu ós representantes do PP e do BNG o seu respaldo ós proxectos presentados, por consideralos de interese e esenciais para toda a veciñanza e lamentou unha nova abstención de Xuntos por As Pontes en asuntos cruciais para garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas.

García aproveitou o último pleno do ano 2018 para desexar unhas felices festas e un próspero ano novo, cheo de saúde, á toda a corporación municipal e á veciñanza, animándoos a gozar da familia, dos amigos e do pobo.