Os socialistas reclaman liñas de apoio para modernizar o rural

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Raúl Fernández, lamentou o veto do PP a unha proposición non de Lei presentada polos socialistas galegos na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia para reivindicar liñas de apoio específicas para a modernización do rural.

O responsable socialista reclamáballe ao goberno galego que presentara no primeiro trimestre de 2019 un “documento xeral” cun “seguimento público verificable” dos seus resultados anuais dirixido á “modernización das estruturas produtivas agrarias e gandeiras”. Amosou a súa sorpresa polo desinterese de PP e do goberno galego diante do “avance da despoboación e abandono das terras” do medio rural, que “se identifica cada día máis coa desertización”.

Apuntou ao grave desequilibro entre o urbano, que aglutina ao 80 por cento da poboación no 20 por cento do territorio, coa situación do medio rural, onde viven 2 de cada 10 galegos que ocupan o 80 por cento do territorio. Esta situación, sinalou, “limita e mesmo reduce o desenvolvemento global de Galicia en termos económicos, sociais, naturais, de emprego ou medioambientais”.

Apostou por “atallar esa dinámica negativa” promovendo política activas para acadar a fixación de poboación, a renovación xeracional, o impulso do lácteo como punta de lanza da modernización do medio, incrementando o peso dos produtores agrarios e gandeiros na cadea de valor, sinaladamente para os produtores de leite. Finalmente, propuxo o impulso dun plan específico de “viticultura social” para os traballadores a tempo parcial.

Etiquetas