A Deputación mellorará 3 quilómetros da vía de Augaxosa a Trabada

O Goberno da Deputación mellorará outros 3 quilómetros da estrada LU-P-5506, entre Augaxosa e Trabada, que comunica o municipio trabadense coa capital da provincia. O Executivo Provincial aprobou en xunta de goberno o inicio da contratación destes traballos cun orzamento máximo de 168.000 euros da Deputación. As obras acometeranse nun treito de 3 quilómetros, comprendidos entre os puntos 4,2 e 7,2.

Estas actuacións de mellora engádense ás xa executadas e financiadas polo Goberno Provincial noutro treito de 3 quilómetros, comprendidos entre os 7,2 e 10,2, e que contou cun orzamento da Deputación de case 110.000 euros. Polo tanto, e logo de realizarse as melloras recen aprobadas, quedará rehabilitado un treito de 6 quilómetros desta vía de comunicación fundamental para a zona.

Son actuacións coas que o Goberno da Deputación dá reposta a unha demanda histórica dos veciños da zona, que reclamaban a remodelación desta estrada. A LU-P-5506, ademais de ser a vía que conecta con Lugo cidade é tamén moi empregada polos veciños do centro da provincia cara as praias da Mariña, beneficiando deste xeito a milleiros de persoas.

As obras de mellora deste novo treito consistirán na limpeza de cunetas, mellora do firme con aglomerado en quente e incremento da seguridade vial coa renovación da sinalización horizontal e vertical.

Etiquetas