Novas axudas para apoiar aos produtores locais

As novas axudas para o establecemento de canles curtas de distribución sairán convocadas na primaveira. O obxectivo desta orde é fomentar a cooperación entre pequenos produtores para a creación e consolidación de mercados locais e cadeas curtas de distribución, cun só intermediario entre produtor e consumidor.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os colectivos de agricultores, gandeiros e microempresas dun mesmo ámbito rural de Galicia, cun mínimo de dous socios, constituídas baixo calquera fórmula xurídica admisible, co obxecto de promocionar a produción conxunta e ordenada, así como a comercialización da súa produción en mercados locais ou a través de canais curtos de distribución. As entidades locais poderán participar como impulsores e animadores das iniciativas levadas a cabo nos seus territorios. Inclúense, así mesmo, centros tecnolóxicos e/ou de experimentación e investigación, universidades, asociacións de consumidores, hostalaría, comedores escolares, comedores de empresa, comida a domicilio ou catering, restauración e turismo, entre outras.

Os produtores poderán solicitar estas subvencións que fomentarán un maior equilibro na cadea de valor da produción agroalimentaria. Esta medida, ademais, completarase cun segundo apartado destinado ao investimento en infraestruturas para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais relacionados cos mercados de proximidade. Esta segunda parte das achegas encargaranse, polo tanto, de financiar a adecuación de áreas, espazos ou terreos, a reforma, rehabilitación ou construción de instalacións fixas ou desmontables, e as dotacións comúns, equipamentos ou mobiliario.

Etiquetas