Skip to main content
ActualidadeMuras

A Deputación presenta o proxecto Life in Common Land da Serra do Xistral

Por 17 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo presentou o proxecto Life in Common Land. Trátase dun programa comunitario que lidera a Deputación para desenvolver medidas de aproveitamento sostible na Serra do Xistral, no referente á xestión gandeira e a conservación dos hábitats naturais nos montes comunais. Na reunión participaron tamén representantes das Universidades de Santiago e A Coruña. O programa, que conta coa aprobación inicial da Unión Europea, está dotado de 2 millóns de euros, dos 1,4 son de fondos europeos, 212.000 da Deputación, 198.000 da USC e 100.000 da UdC.

Este pioneiro proxecto da Deputación contempla, como medida principal, que serán os  usuarios e propietarios os encargados de aplicar na Serra do Xistral distintas medidas para o aproveitamento sostible deste espazo. Logo, e unha vez avaliados e cumpridos os obxectivos fixados, recibirán compensacións económicas, o que converterá a Deputación na primeira administración en España que premie economicamente as boas prácticas ambientais para a conservación dos hábitats protexidos. Deste xeito, o que se busca é facer fronte ás limitacións de uso e aproveitamento do territorio, que veñen impostas pola normativa vixente, nas zonas de especial protección, como a Serra do Xistral, que é Rede Natura 2000.

Fernández Queipo explicou que se trata do primeiro encontro de traballo entre a Deputación, USC e UdC coa Xunta de Galicia para presentar este proxecto “que beneficiará a todos os axentes implicados e marcará un antes e un despois no aproveitamento sostible do medio natural. Ademais cóntase coa participación directa dos propietarios e usuarios dos montes veciñais en mancomún, algo primordial para un desenvolvemento deste territorio, que garante un equilibrio entre o crecemento económico, o coidado do medio ambiente e o benestar social”.

A Serra do Xistral, que conta cunha extensión de 5.000 hectárea, abrangue os Concellos Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo, ademais das Pontes. Na zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e tamén parte do municipio de Viveiro, desenvólvese xa un pastoreo extensivo con gando vacún e cabalar salvaxe. Demostrouse que a súa xestión sostible ten un efecto positivo sobre o mosaico de brezais e turbeiras da zona.

O proxecto

Life in Common Land é  unha iniciativa que promove a Deputación, coa colaboración da USC e da UdC, para demostrar que é compatible o desenvolvemento social,  económico e sostible de zonas rurais de especial protección, que contan con restricións lexislativas en canto ao seu emprego, aproveitamento ou coidado. O proxecto conta tamén coa participación directa  dos propietarios das Comunidades de Montes Veciñais en mancomún na Serra do Xistral.

As zonas de especial protección, como a Serra do Xistral, que é Rede Natura 2000, contemplan certas limitacións de uso e aproveitamento do territorio, que veñen impostas pola normativa vixente. Desde a Deputación, decidiuse elaborar este proxecto para ofrecer solucións a estas limitacións, co fin de garantir a vida no rural e do rural, e para que que redunde na mellora de produción gandeira e forestal, así como na conservación do rural, dotándoo de oportunidades.  

Ata 2022, as medidas desta iniciativa están encamiñadas a cumprir os seguintes obxectivos: mellorar a produción gandeira e forestal a través da implantación de modelos de aproveitamento baseados nas experiencias dos usuarios dos montes; axilizar trámites e aspectos administrativos logo de ter establecidos novos esquemas produtivos; conservar o rural e dotalo de oportunidades.