Concelleiros de Cospeito reúnense cos veciños para debater as súas propostas

Os socialistas de Cospeito veñen de convocar unha reunión aberta a toda a veciñanza para tratar temas do concello. Nesa xuntanza, que leva o título Falemos de Cospeito preténdese abrir unha vía de comunicación para que os veciños presentan as súas demandas ao mesmo tempo que os concelleiros socialistas explican as ideas coas que está traballando.

A reunión terá lugar na Casa da Cultura de Feira do Monte o día 20 de xaneiro, domingo, a partir das 16.30 horas. Segundo explica Rosa Morán, voceira deste grupo, “estamos abertos a calquera consulta, queixa, crítica ou suxestión que nos poidan facer”. Para iso, estarán presentes os catro concelleiros socialistas.

“O único que pretendemos é poder reunirnos con veciños para poder explicarlles o noso traballo, as nosas propostas ou calquera tema que xurda e que teña que ver con Cospeito, nada máis que iso, algo ao que temos dereito por lei, ao tempo que consideramos unha obriga para cos veciños”, aclaran.

Os grupo socialista quixo expresar tamén a súa satisfacción porque “por primeira vez conseguimos dispoñer dun local municipal para poder xuntarnos cos veciños e falar dos temas do concello que consideremos oportunos”. Segundo explica Rosa Morán, “nunca se nos cedeu un local municipal, agás na campaña porque é obrigado”.

Os membros do PSOE quixeron destacar que foi necesario presentar documentación extraordinaria para que se lles fose concedida esta sala, como a póliza dun seguro de responsabilidade civil, o recibo do pago da póliza e unha memoria descriptiva das actividades. Consideran “un abuso” que unicamente para xuntarse cos veciños se teña que presentar tanta documentación e culpan ao alcalde “destas pegas e responsabilidades porque non da entendido que aínda que somos concelleiros na oposición temos dereitos e os locais municipais son do Concello e para uso de todos os veciños non de uso exclusivo seu ou dos seus achegados”.

Etiquetas