Os socialistas de Cospeito afirman que o Concello ten unha débeda de 2 millóns de euros

Os socialistas de Cospeito critican que o Concello ten unha débeda de 2 millóns de euros, a máis alta da comarca. Así o denunciou a voceira do PSOE no municipio, Rosa Morán, quen explicou que “isto supón unha débeda por habitante de 424,7 euros, segundo os últimos datos oficiais recollidos no 2017”.

“Todo isto ven provocado polas políticas do PP e a nefasta xestión do Alcalde, que non presentou ningunha iniciativa durante este mandado para reverter a situación e rebaixar estas cifras”. A socialista informou que en comparación cos Concellos da contorna, Cospeito é o municipio coa débeda máis alta ao ter 2 millóns, fronte aos 881.000 euros de Vilalba, aos 600.000 de Castro de Rei ou aos 0 doutros Conlleos.

“O señor Castosa intenta enganar aos veciños afirmando que Cospeito é un dos Concellos da Terra Chá cos impostos máis baixos. Iso é unha mentira flagrante e os propios datos quítanlle a razón. En numerosas ocasións, dende o PSOE presentamos varias propostas no Concello para rebaixar o IBI pero o equipo de goberno do PP sempre as rexeitou, alegando que era necesario un estudo para coñecer se era viable para o municipio. O rexedor obriga aos cospeitenses a pagar máis impostos, pois na actualidade contamos co 0,53% do tipo impositivo de urbana cando o mínimo que marca a lei é do 0,4%, e co 0,66% de rústica cando o mínimo é do 0,3%. Esiximos ao Alcalde que empece a preocuparse polas necesidades dos veciños e deixe os intereses persoais a un lado”.

Rosa Morán explicou que Cospeito é o Concello da contorna co maior tipo de gravame en IBI rústica pois este é do 0,66% mentres que Abadín ten o 0,3%, Outeiro de Rei o 0,4%, Vilalba o 0,44% ou Castro de Rei o 0,5%.

Máis impostos para os veciños
A socialista tamén censurou que os impostos para actividades económicas, para construcións, instalacións e obras, así como para os turismo, autobuses, camións, tractores, remolques, ciclomotores ou motocicletas son os máis altos da contorna.

Etiquetas