Rábade acolle o 26 unha nova edición do Memorial Eduardo Fernández Villamarín

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Rábade, Francisco José Fernández Montes, e o Tenente de Alcalde, Alejandro Martínez Campos, presentaron no salón de plenos do concello rabadense o XVI Memorial Eduardo Fernández Villamarín de atletismo, que terá lugar este sábado 26 de xaneiro co apoio do Goberno da Deputación, que colabora na difusión do evento.

Trátase nunha proba xa consolidada no calendario da provincia, como demostran as preto de 600 persoas xa apuntadas para participar, nesta proba que conta con 5 categorías diferentes.

Toda a actividade vertébrarase ao redor da Praza de España, onde a partir das 15:30 horas poderán recollerse os dorsais; ás 16:30 dará comezo a carreira dos máis pequenos e ás 17:30 sairán os corredores da categoría absoluta. Todas rematarán, igualmente, na mesma localización.

Rivera Capón sinalou que “chama a atención que a segunda categoría con máis inscritos sexa a A, na que nenos e nenas de entre 5 e 8 anos percorrerán 600 metros, isto demostra que as carreiras populares son un xeito ideal para difundir o espírito e os valores deportivos entre os máis pequenos”.

Eduardo Fernández Villamarín, Negrín, foi un dos fundadores da Sociedade Atlética Rabadense e gran impulsor do deporte na vila e na provincia, e cuxo nome tamén acompaña ao polideportivo municipal.

Categorías
A proba divide aos participantes en 5 categorías, dependendo da súa idade e adaptando os percorridos entre os 80 e os 7.000 metros. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán premio e ademais, haberá un trofeo, denominado tamén Eduardo Fernández Villamarín, que se entregará ao equipo que conte con máis participantes que rematen a carreira.

Categoría Mini: nados en 2015 e posteriores. 80 metros
Categoría A: nados entre 2011 e 2014. 600 metros
Categoría B: nados entre 2007 e 2010. 1.200 metros
Categoría C: nados entre 2003 e 2006. 1.800 metros
Categoría Absoluta: nados en 2002 e anteriores. 7.000 metros

Etiquetas