O Pleno das Pontes desbloquea a situación urbanística do Poboado das Veigas

O pleno do Concello de As Pontes acordou, hoxe, en sesión extraordinaria, a aprobación provisional do proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias no ámbito do Poboado das Veigas que desbloquea a situación urbanística da zona.

O proxecto, que contou cos votos a favor do PSOE e do Partido Popular e a abstención do BNG e Xuntos por As Pontes permitirá adaptar a realidade do Poboado das Veigas e a súa regulación á normativa urbanística e xurídica vixente, desenvolver a zona, que fará posible que os seus inquilinos poidan acceder á propiedade das vivendas, e facer que a zona teña unha situación idónea de conservación, mantemento e servizos.

O documento, que conta con informes sectoriais favorables, garante a cesión de espazos de titularidade pública, tales como as zonas verdes, de equipamentos públicos ou os viarios, apunta a necesidade de definir a rede viaria e a rede de servizos públicos (saneamento, alumeado, telecomunicación, subministro eléctrico), recoñece a división das parcelas existentes, regulariza as edificacións auxiliares e precisa as condicións específicas de edificación para cada tipo de vivenda (cores, materias, volumes, fiestras) para que o Poboado das Veigas non perda a súa esencia.

Esta modificación puntual das normas subsidiarias conxuga os intereses das tres partes afectadas; a empresa propietaria, os inquilinos do Poboado das Veigas e o Concello de As Pontes. Así, Endesa como propietaria dos terreos, en base ó convenio urbanístico asinado con Concello de As Pontes, acometerá o proxecto de renovación das infraestruturas, valorado en 4,5 millóns de euros, para actualizar os servizos, as instalacións e completar a urbanización precisa para que acaden a condición de solar e así, posteriormente, proceder á súa venda.

Pola súa banda, o Concello de As Pontes recibe o viario, as zonas verdes e os equipamentos, cesión que en palabras do edil de urbanismo, Antonio Alonso, permitirá ó concello “integrar ó Poboado das Veigas na malla urbana e darlle os seus inquilinos os mesmos servizos que a toda a veciñanza sen que supoñan ningún gasto”.

O documento aprobado hoxe será remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva e, desde o grupo de goberno esperan que a tramitación sexa rápida e “que nun breve prazo de tempo conte co visto bo do goberno autonómico para poñer en marcha a remodelación do Poboado das Veigas, unha zona emblemática do municipio, na actualidade moi degradada, velando polos intereses dos ponteses e pontesas sen que supoña un custe para o erario público”.

Convenios de colaboración

Durante a sesión plenaria tamén se aprobaron, co respaldo de todos os grupos políticos con representación no Concello de As Pontes o convenio de colaboración coa Universidade de A Coruña para financiar as actividades de Universidade Sénior e o convenio para concederlle unha subvención nominativa á ANPA “Ponte Romana” do CEIP Santa María para a financiamento do programa Almorzos no cole.

Etiquetas