Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O Pleno de Guitiriz aproba o proxecto de rehabilitación das parroquias de 5 núcleos rurais do Buriz e Os Vilares

Por 5 Febreiro, 2019Sin comentarios

A Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, levou ao último pleno o estudo previo realizado polo Concello para poder iniciar o proxecto de rehabilitación de 5 núcleos rurais das parroquias de O Buriz e os Vilares. Trátase dun proxecto impulsado polo Goberno Socialista co obxectivo de acondicionar e poñer en valor esta zona rural ao tempo que se busca asentar poboación.

Regina Polín destacou que “esta iniciativa enmárcase dentro da decidida aposta por dinamizar o rural, mellorando a calidade de vida das persoas, recuperando espazos público-privados e o noso compromiso por manter poboación e que veciños doutros Concellos decídanse a vivir en Guitiriz porque temos todos os servizos necesarios. Neste eido, rehabilitamos as antigas escolas de Vecín e O Buriz, que estaban inutilizadas e nas que na actualidade viven veciños do Concello”.

“Guitiriz leva 4 anos mantendo a súa poboación, superando sempre os 5.500 veciños. Ese é o noso deber e por iso seguiremos traballando. É fundamental este proxecto a medio e longo prazo para que serva parar o despoboamento demográfico que sufrimos na provincia e axude a dinamizar a economía do rural”.

“Máis de 1.000 veciños aos que queremos facer partícipes”
A rexedora socialista informou que a zona que o Concello quere rehabilitar afecta a 5 núcleos rurais de Guitiriz: Carelo, Buriz, As Reixas, Vilariño e Drada, no entorno onde está situada a Casa de Díaz Castro, e que comprenden máis de 460.000 m2, onde están construídas máis de 100 vivendas. “Nesta demarcación viven máis de 1.000 persoas ás que queremos facer partícipes deste proxecto. Para iso imos manter encontros con eles e explicarlles o beneficio que supón, que todos xuntos, traballemos pola declaración de ARI” subliñou Regina Polín.

Memoria das actuacións necesarias
Tras ser aprobada por unanimidade a proposta da Alcaldesa de iniciar a delimitación de ARI, o Concello ten que contratar a unha empresa a elaboración dunha memoria exhaustiva, explicando todas as actuacións necesarias e os veciños que estarían dispostos a adherirse o plan, para logo enviar dita solicitude á Xunta, institución encargada de declarar esta zona ARI.

A sociaista explicou que as actuacións que se poden levar a cabo co ARI son obras de restauración, conservación e rehabilitación das vivendas, dirixidas á mellora da súa eficiencia enerxética, da súa accesibilidade e da súa habitabilidade, incluíndo reformas interiores ou mellora das instalacións. Todo isto financiado con subvencións económicas por parte do goberno galego.

Legado de Díaz Castro
“Se no futuro conseguimos que as parroquias de O Buriz e Os Vialres sexan declaradas ARI, axudaremos a preservar o legado do poeta Díaz Castro, impulsando a súa visibilidade, recuperando a súa casa natal e ampliando a Ruta da Pedra” destacou Regina Polín.