54 escolares de Begonte descobren o proxecto de custodia do territorio

54 escolares do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, con idades entre 3 e 12 anos, coñecerán máis polo miúdo as Insuas do Miño e os Ollos de Begonte a través dos paneis informativos que lles cede a Deputación a través do proxecto de xestión de custodia do territorio, co que colabora o organismo provincial. A través destes paneis informativos os estudantes descubran un complexo húmido de grande importancia e peculiaridade, como é a zona do Alto Miño,  pola súa abundancia e diversidade de hábitats de ribeira, lagoas e turbeiras, cun elevado grao de naturalidade.

O deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “esta exposición servirá para dar a coñecer o patrimonio natural lucense e mergullar aos escolares no respecto e a conservación da natureza. Durante estas clases guiadas que se celebrarán no centro, os titores achegarán a beleza deste territorio aos seus alumnos, para que se coñezan a riqueza natural da que dispomos na provincia e se comprometan co medio ambiente. Facémolos partícipes así da xestión sustentable do territorio”.

O Executivo provincial asinou un acordo en 2014 para o estudo da xestión de 106 hectáreas de terreo na zona de confluencia dos Concellos de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte. O Goberno da Deputación busca con este proxecto contribuír á conservación e posta en valor da biodiversidade e o patrimonio cultural na montaña ou en áreas con características semellantes e mostrar as posibilidades didácticas do patrimonio natural lucense.

 

Etiquetas