O PSOE de Abadín reclama cambiar o céspede do campo de fútbol

O PSOE de Abadín presentará no próximo pleno unha proposta para substituír o céspede do campo de fútbol de Abadín. O voceiro socialista, Pablo Díaz López, explicou que instarán ao PP a que inclúa estas actuacións nas obras que financia a Deputación a través do Plan Único.

Pablo Díaz informou que o terreo de xogo non permite a práctica da actividade futbolística en condicións óptimas por culpa da mal drenaxe do céspede. Actualmente empregan estas instalacións deportivas os 3 clubs do Concello: o Abadín C.F.F, que xoga en segunda rexional; o A.D.C. Abadinense, que está en primeira provincial de veteranos; e o Montouto Veteranos, que compite en segunda provincial.

“Chegáronnos moitas queixas dos xogadores, pois o céspede está levantado o que pode ocasionar algunha lesión deportiva. Ante esta situación é urxente dotar dun novo céspede para os máis de 60 deportistas que adestran e xogan todas as semanas. O Concello ten unha boa oportunidade para solucionar este problema incluíndo esta actuación no Plan Único da Deputación, como fixeron outros municipios da provincia como Burela, Chantada ou Paradela”.

“É importante que Abadín conte cunhas instalacións renovadas e de calidade para a práctica deportiva, que sirvan para dinamizar socialmente a vila e a economía do noso municipio. Agardamos que o Alcalde apoie esta iniciativa e atenda esta demanda veciñal ” subliñou o voceiro socialista”.

Etiquetas