Deputación e Concello renovan unha das principais rúas de Meira con preto de 140.000 euros

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o alcalde de Meira, Antonio De Dios, supervisaron as obras de mellora que se están executando na rúa Federico González López, no municipio chairego. O Goberno da Deputación e o Concello achegan preto de 140.000 euros para a realización destes traballos, que suporán a rehabilitación total da vía. Trátase dunha das rúas máis transitadas do Concello, pois ademais de atoparse no centro urbano de Meira, alberga diferentes servizos: gardería, colexio, pavillón polideportivo, centro cultural ou instituto. Ademais, comunica coa Rúa Grupo Escolar, na que se atopa a Residencia da terceira idade de Meira; e coa Avenida de Lugo, unha das máis transitadas pola cantidade de negocios que alberga.

Campos Conde, subliñou que “con estes traballos damos resposta a unha demanda veciñal de mellorar e modernizar esta rúa, unha das máis transitadas pola cantidade de servizos que ofrece e a súa localización no centro do municipio. Deste xeito, seguimos amosando que somos unha Deputación social, rural e coas persoas; e que traballamos sempre na procura de atender as demandas de todos os veciños da provincia”.

Entre as actuacións que se están a executar atópanse: a rehabilitación do asfalto con aglomerado en quente, mellora da iluminación coa instalación de novas farolas de luces led, instalación de novas beirarrúas de plaqueta no lugar das existentes, instalación de novos contedores de lixo ou a canalización da luz e da fibra óptica. A previsión é que as obras poidan estar rematadas a finais deste mes, se as condicións meteorolóxicas así o permiten.

Etiquetas