Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

A Deputación destina un millón de euros máis en axudas a clubs deportivos

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, informou que a Deputación aprobou en Xunta de Goberno destinar 1 millón de euros máis ao conxunto do tecido deportivo da provincia. Son 500.000 euros para todos os clubs deportivos da provincia e modalidades e 440.000 para o Ensino, o Burela Fútbol Sala, o Peluquería Mixta Friol e o Emevé, todos eles en primeira ou segunda división.

Santos Ramos destacou que “un dato público, oficial e moi revelador disto é que mentres dende este Goberno da Deputación investimos en deporte 12,92 euros por habitante, a Xunta faino con 6,29 euros. É dicir, duplicamos o investimento da Xunta en Lugo tamén en deportes. E todo isto cando a Xunta ten as competencias directas en deportes e conta cun orzamento máis de 100 veces superior ao da Deputación, pois o orzamento provincial non chega aos 90 millóns e o da administración autonómica supera os 9.000 millóns de euros”

O voceiro lembrou que durante os últimos anos, o Goberno da Deputación destinou case 4 millóns de euros a través desas liñas de colaboración deportiva, que permitiu ofrecer unhas 1.350 axudas de 35 modalidades deportivas. É preciso tamén destacar que ao redor do 97% do total das axudas foron de concorrencia competitiva, o que significa que todos os pequenos clubs da provincia puideron optar e solicitar as mesmas, promovendo o deporte base lucense.

Desta cantidade, 500.000 euros son axudas dirixidas a todos os clubs deportivos da provincia e de todas as modalidades deportivas, coas que se busca contribuír á súa actividade competitiva ou á organización de eventos. Por exemplo, asumindo gastos federativos, material, equipamento deportivo, cofinanciando competicións ou campionatos por todo o territorio lugués.

A previsión é abrir o prazo de solicitude destas axudas nas vindeiras semanas unha vez publicadas na Base Nacional de Subvencións e no BOP.

Os restantes 440.000 euros son as axudas dirixidas aos clubs deportivos da provincia de primeira e segunda división ou categoría, e non son SAD. Estes equipos son os o Ensino, o Burela Fútbol Sala, o Peluquería Mixta Friol e o Emevé.

Axudas máis sociais
Nesta convocatoria, incorpóranse criterios sociais nas bases destas axudas en impulso á igualdade e á integración, así como en recoñecemento ao esforzo competitivo. Deste xeito, valorarase positivamente aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén a aqueles que sexan de localidades pequenas, de concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural, e tamén puntuarán os resultados ou ascensos deportivos.

Como novidade este ano, na liña de axudas á actividade competitiva cada disciplina deportiva conta cun importe de acordo co número de licencias oficiais que posúe cada modalidade na provincia de Lugo. Así mesmo, os clubs ou entidades deportivas que desenvolvan a súa actividade competitiva en máis dunha disciplina deportiva poderán optar a un máximo de tres axudas: dúas solicitudes por actividade competitiva e unha por organización de eventos deportivos.

O importe mínimo das axudas á actividade competitiva será de 300 euros e o máximo de 4.000, mentres que na liña de axudas á organización de eventos a cantidade mínima a percibir será de 300 euros e a máxima de 2.000 euros.