O sector forestal da provincia busca operarios e a Deputación forma a 15 lucenses no paro

15 lucenses no paro iniciaron esta semana a formación gratuíta que ofrece a Deputación no eido forestal, concretamente na transformación da madeira, co fin de ofrecer solucións a falta de man de obra tal e como reclama o sector. Logo de participar nesta iniciativa, os alumnos poderán acadar un traballo como condutores de maquinaria, técnicos de motoserras ou especialistas en procesadoras forestais; postos para os que non existe formación específica.

É unha acción formativa que puxo en marcha a Deputación para dar resposta ás necesidades do propio sector, que apuntan que existe un déficit de persoal cualificado para traballar no eido forestal. Estímase que ao redor do 80% dos participantes neste obradoiro poderán atopar traballo unha vez finalizada a formación.

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, participou nunha destas clases, na que explicou que o forestal é un sector que en Lugo dá traballo a unhas 10.000 persoas, 3.000 de xeito directo e 7.000 indirecto, o que da mostra da importancia que ten nunha provincia eminentemente rural como é a de Lugo.

De feito, un dos principais problemas que xorden da escasa man de obra é a imposibilidade de que as empresas lucenses continúen a medrar, pois non existe persoal cualificado que permita facelo. Neste senso, a titular en emprego puxo en valor que no sector forestal existe o “pleno emprego” e a incorporación no mercado laboral de especialidades como a dos Grao en Forestais é de case o 100%.

O Goberno da Deputación decidiu pór en marcha esta programación formativa gratuíta para ofrecer novos postos de traballo que o sector forestal demanda, especialmente no eido da transformación e aproveitamento forestal: condutores de maquinaria, técnicos de motoserras ou especialistas en procesadoras forestais; postos para os que non existe formación específica. Deste xeito, a Deputación busca cualificar a persoas interesadas no sector forestal, en postos moi demandados e que non contan con formación en ámbitos como o do mantemento e tratamento de maquinaria ou a prevención de riscos.

Os 15 alumnos seleccionados xa están a recibir formación especializada da man da Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo. Este curso de capacitación, que se estende ata o vindeiro 10 de maio, dispón de máis de 300 horas de formación, das que máis do 60% son de carácter práctico. Estas realizaranse en parcelas forestais con maquinaria, co fin de que os participantes poidan adquirir as competencias xerais precisas para traballar en empresas deste sector. Os módulos que se van a impartir, que contan con sesión teóricas, son apeo e procesado de árbores con motoserra ou con colleita forestal, desembosque e tratamentos de subprodutos forestais e manexo e mantemento de maquinaria e tractores forestais.  

Etiquetas