A Deputación organiza unha nova xornada sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou no Museo Provincial a II Xornada de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense que promove o Goberno da Deputación. “A cita será o vindeiro 22 de marzo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e analizaranse as covas paleolíticas de Eirós en Triacastela, a de Valdavara en Becerreá e a da Valiña en Castroverde, entre outras”, avanzou a Deputada.

García Porto remarcou que “neste encontro que leva por titulo, “As Covas: portas a outros mundos”, participarán catedráticos, profesores, arqueólogos, e expertos que abordarán o panorama actual sobre os contidos arqueolóxicos da provincia, así como diferentes propostas para a divulgación destes restos pre-históricos”.

“A través desta xornada queremos contribuír a establecer canles de comunicación coa sociedade a través da transversalidade dos museos fomentando o debate e actualizando contidos arqueolóxicos,  así como estimular e educar patrimonialmente á comunidade a través do coñecemento e da dinamización sociocultural, e resaltar o noso patrimonio coa súa identificación e visibilidade”, explicou.

A Deputada sinalou que “esta é a segunda cita sobre o Patrimonio Arqueolóxico lucense que promove o Executivo Provincial. Na primeira edición realizamos o encontro sobre Santa Eulalia de Bóveda (2018), ademais do Congreso Internacional de arqueoloxía do ouro, que contribuíu a difundir e promover as coleccións de ourivería antiga do Museo Provincial, ao tempo que serviu para dar a coñecer as diferentes achegas científicas existentes relacionadas co ouro antigo”.

Esta xornada de divulgación científica, completamente gratuíta, esta aberta a todos os públicos. Entregarase un diploma acreditativo de asistencia á xornada (8 horas lectivas). Na paxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e do Museo Provincial, haberá un banner habilitado para inscribirse nesta xornada.

 

Programa

As Covas: portas a outros mundos

22 de marzo no Salón de Actos de San Marcos

Mañá

9:30 h. Acreditación asistentes

10:00 h. Presentación oficial

10:15 h. Primeira charla: “Covas de Eirós e Valdavara: afondando na investigación do Paleolítico galaico”. Ramón Fábregas Valcarce, Catedrático de Prehistoria da USC.

11:00 h. Segunda charla: “A Cova da Valiña trinta anos despois: prehistoria da Prehistoria”. César Llana, arqueólogo e director Museo Etnolóxico de Ribadavia

11:45 h. Pausa

12:15 h. Terceira charla:“Descubriendo el Paleolítico del sureste peninsular: investigación y divulgación científica en la Cueva del Arco (Cieza, Murcia)”. Ignacio Martín Lerma, profesor de Prehistoria da Universidade de Murcia, vicedecano da Facultade de Letras e director da escavación.

13:15 h. “O papel do patrimonio arqueolóxico no desenvolvemento local e na sustentabilidade territorial: estratexias de difusión e comunicación”.  Mesa redonda moderada por Aurelia Balseiro e composta polos anteriores poñentes máis os seguintes convidados: Carlos Fernández Rodríguez (Universidade de León) e Arturo Lombera Hermida, GEPN-AAT (USC)

14:00 h. Debate Coloquio

Tarde

17:00 h. Visita técnica explicativa a cargo de Arturo Lombera á exposición sobre as covas das serras orientais galegas: Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde) no Museo Provincial de Lugo, complementada cunha demostración elemental de talla en seixo.

Etiquetas