Rematan as obras entre Riotorto e Vilameá

Remataron as obras de reforzo do firme da LU-124 no treito entre Riotorto e Vilameá (A Pontenova), coas que queda completado o acondicionamento da estrada LU-124 en todo o seu percorrido, logo dun investimento global de máis de 3 millóns de euros entre as diferentes actuacións executadas.

Os traballos realizados no tramo Riotorto-Vilameá desenvolvéronse dende a saída da travesía de Riotorto (quilómetro 23+040) ata o final da estrada en Vilameá, na intersección coa estrada N-640 (quilómetro 29+550). Esta intervención supuxo a extensión dunha nova capa de rodaxe na vía, incluídas as travesías de Recesende e Vilameá.

Destinouse un orzamento de 604.000 euros á mellora deste treito, incluídas actuacións complementarias para incrementar a seguridade, mediante o reforzo da sinalización vertical, a substitución dos postes das barreiras de seguridade e a colocación de novos tramos de sistemas de contención. A obra contemplou a construción de cunetas de formigón para a mellora da drenaxe, que ademais serven como sobreancho practicable.

Etiquetas