O BNG de Outeiro levará ao Pleno do concello o cobro de dietas dos ediles do PP

O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei avanzou que no pleno a celebrar este xoves, 27 de febreiro, presentarán unha iniciativa en relación ás cantidades cobradas polos membros do PP por asistencia ás reunións dunha comisión irregularmente constituída. Ademais o BNG pedirá que os cartos cobrados sexan devoltos ás arcas municipais.

Xosé Ferreiro explicou que “dende o BNG detectamos que algúns membros do Grupo Municipal do Partido Popular están a cobrar dietas por asistencia a unha comisión creada en exclusiva por membros do seu propio partido” e sinalou “a creación desta comisión, así como a súa composición tería que ser aprobada polo Pleno da Corporación e isto non figura en ningunha acta do Pleno desta lexislatura, polo que se considera que esta comisión non está legalmente constituída e, polo tanto, non se pode cobrar ningún tipo de dieta pola asistencia a este organismo inexistente”.

O BNG reclamará, no Pleno da Corporación, que os concelleiros e concelleiras do Partido Popular procedan a devolver os cartos cobrados polas dietas de asistencia á comisión e tamén que o servizo de Intervención elabore un informe onde se detallen as cantidades cobradas por todos os concelleiros e concelleiras pola asistencia a esta comisión nestas dúas lexislaturas así como das cantidades que foron devoltas por cada persoa.

Etiquetas