Skip to main content
Actualidade

O Entroido das Pontes repartirá máis de 7.500 euros en premios

Por 1 Marzo, 2019Sin comentarios

A cabalgata de Entroido, organizada polo Concello de As Pontes e que se celebrará o próximo 5 de marzo, repartirá máis de 7.500 euros entre os seus participantes.

O xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación dos disfraces e o número de compoñentes nos grupos para outorgar os premios ás mellores carrozas, con 800, 650 e 400 euros para os tres primeiros clasificados.

Establécense, así mesmo, dúas modalidades para os grupos, en función do número de integrantes. De tal xeito que, os grupos de entre 3 e 9 persoas optarán a premios de 400, 300 e 200 euros mentres que, entre as agrupacións de 10 ou máis membros repartiranse tres premios de 650, 475 e 325 euros.

Ademais, o Concello de As Pontes premiará ás tres primeiras parellas adultas clasificadas con 200, 150 e 100 euros, respectivamente e, a nivel individual, os adultos que tomen a saída no desfile poderán gañar 120, 90 e 60 euros se se sitúan entre os tres disfraces máis valorados polo xurado.

Como en edicións anteriores, As Pontes tamén premiará aos participantes máis novos e, deste xeito, na categoría infantil haberá sete premios, de 150 euros cada un, para os grupos e outros tantos para as parellas e os participantes individuais, dotados con 75 euros e 50 euros, respectivamente, cada un deles.

Aos premiados nas categorías infantís entregaráselles un vale trocable por libros, material, xogos educativos e didácticos mentres que para os nenos e nenas menores de 8 anos, o premio será un conto.

A cabalgata de entroido partirá ás 17:00 da Rúa Monte Caxado para realizar, a continuación, un percorrido que discorrerá pola Avenida de Ortigueira, a Avenida de Castelao, a Praza do Hospital, a Avenida de Galicia e a rúa Rosalía de Castro para finalizar no patio do Colexio Santa María, lugar onde se efectuará a entrega de premios. O desfile estará amenizado por Batucada Perkusiona e Louband.