Un alumno das Pontes, premiado nun concurso de clarinete

O alumno do conservatorio municipal de música profesional do Concello das Pontes, Gonzalo Fernández, fíxose co segundo premio do V Concurso de Clarinete Cidade de Ourense, un certame que ten como finalidade incentivar e estimular a novos intérpretes de clarinete de idades comprendidas entre os 8 e os 26 anos.

O alumno do conservatorio pontés participou na categoría D e tivo que interpretar o programa establecido pola organización que estaba conformado polas pezas Menuet de Lois de Çaix d´ Hervelois, Nocturne de Chopin e Papageno´s Aria de Mozart.

Un diploma acreditativo, un lote de material para clarinete e libros da disciplina instrumental compoñen o galardón recibido polo mozo no concurso ourensán no que tamén participaron David Otero e Antía García, alumnos do conservatorio pontés.

Este galardón acredita o bo facer de Conservatorio Municipal de Música Profesional de As Pontes, unha das grandes canteiras de músicos das bandas e orquestras en Galicia e do profesor da especialidade, Marcel Chirilov.

Etiquetas