Deportistas do Club de Loita de Vilalba veñen de conseguir as máis altas distincións nos Campionatos de España Sénior que veñen de celebrarse no Pavillón Municipal de Santa Isabel.
A principal foi un novo ouro para José Cuba en menos de 125 kg, e con este xa son 15 os títulos de Campión de España para o vilalbés sendo o loitador español con máis títulos estatais e cuxo retiro non semella estar preto, pois esta mesma semana incorporarase ao club o ucraniano Sergei Priadun co obxectivo de preparar o próximo Europeo sénior de Bucarest no mes de abril, proba obrigatoria para o vilalbés por ser clasificatoria para o mundial de setembro como primeira fase clasificatoria para Tokio 2020.
A outra gran alegría da xornada foi a de Carlos Yobani García, que acadou o ouro en menos de 70 kg. Carlos aínda é júnior e vén de gañar cos mellores loitadores españois da categoría sénior e xusto unhas semanas depois de facer o mesmo no Campionato de España Sub23. Carlos aínda terá a oportunidade de acadar un terceiro título de Campión de España nunha mesma tempada pero agora no Campionato de España Júnior, a súa categoría de idade e na que podería dar unha gran sorpresa no Europeo júnior que este ano se celebrará en Pontevedra.
En Santiago tamén loitaron Ramón Monasterio en menos de 96 kg e Oussama Lahnin en menos de 79 kg aínda que non tiveron oportunidade de loitar polas preseas.
A representación lucense péchase coa participación dos loitadores do Club de Loita Lugo e do Rábade, dos que destaca o bronce de Sabela Chan en menos de 72 kg confirmando así o avance da loita feminina na provincia. Clemente Alves e Dafne Nogueiras do Lugo e Jonathan Pernas e Carmen Carrasco do Rábade tampouco tiveron sorte e caeron na primeira rolda co campionato.