A Deputación aproba unha nova edición do programa Buxiganga

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, informou da aprobación este venres en Xunta de Goberno do Buxiganga 2019, que chega á súa onceava edición. O Goberno Provincial dota con 70.000 euros o que permitirá representar máis de 100 obras teatrais no conxunto do territorio lugués. Logo da aprobación na Xunta de Goberno das bases e dos modelos de solicitude, publicarase no Boletín Oficial da Provincia e abrirase o prazo para solicitalo. Os interesados disporán de 15 días para facer a solicitude.

García Porto explicou que “co Buxiganga 2019, o proxecto de teatro afeccionado da Deputación, cumprimos un dobre obxectivo: promocionar o teatro afeccionado, debido á grande cantidade de escolas de teatro municipais coas que contamos, e dinamizar cultural, social e economicamente os municipios da nosa provincia, especialmente os do rural”.

O Buxiganga está dirixido a municipios e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, que poderán solicitar a celebración de actuacións, e tamén as agrupacións de teatro, que son as que representarán as obras. Unha vez coñecidos os Concellos solicitantes e os grupos de teatros, elaborárase un catálogo para que os municipios e asociacións culturais soliciten o grupo que desexan contratar.

Os cachés das actuacións serán os seguintes:

– Grupos de 6 a 8 persoas: 500 €/función (tendo as 3 representacións 450 €/función)

– Grupos de 9 a 12 persoas: 750 €/función (tendo as 3 representacións 700 €/función)

– Grupos de 13 ou máis persoas: 850 €/función (tendo as 3 representacións 800 €/función).

Dese caché, a Deputación subvenciona o 80% do custo das actuacións, e os Concellos ou asociacións asumen o pagamento do 20% do custo de cada unha delas, para o que poderán cobrar unha entrada simbólica que en ningún caso poderá superar os tres euros.

Na páxina www.deputacionlugo.gal habilitarase un espazo no que consultar todas as bases do programa e os documentos que se deben cubrir para entregar a solicitude no Rexistro Provincial.

A deputada de Cultura apuntou que no Buxiganga 2018 inscribíronse 40 grupos de teatro da provincia e realizáronse preto de 109 actuacións en 50 localidades da provincia, e nas que participaron ao redor de 400 actores e actrices.

Etiquetas