Os socialistas de Cospeito reclaman o mal estado da Casa da Cultura de Feira do Monte

Os socialistas de Cospeito veñen de presentar unha moción no Pleno sobre o estado da Casa da Cultura de Feira do Monte, xa que leva uns día pechada e según di por motivos de enfermidade.

Ademais, segundo explican, poden verse cuncas recollendo auga polas continuas goteiras tanto na entrada como nas distintas dependencias, cafetería, salón de actos, biblioteca, baños, cociña e almacén na planta baixa, coas graves consecuencias que esto ocasiona tanto aos usuarios coma aos arrendatarios da cafetería.

“Tamén na caldeira da calefación como todo o entramado de tuberías están sumamente deteriorados con continuas fugas e  goteiras que se suman ás do tellado, incluso estando moitas veces a calefación apagada con todo o que elo supón”, engaden.

Recentemente caeu a cornixa da parte superior da fachada, “por sorte non ocasionou danos a persoas, pero puido ter ocurrido unha desgraza, ou pode ocurrir nun futuro se non se arranxa en condicións”, recalca.

Os socialistas afirman que hai graves problemas coa cociña situada na planta sótano, tamén con goteiras e grandes humidades, polo que o actual arrendatario vese gravemente perxudicado. Incluso no mes de novembro rexistrou un escrito no Concello facendo constar as queixas polo estado das instalacións do que non tivo resposta.

Dende o verán houbo un cambio de arrendatario cando aínda non rematara o contrato que era de dous anos prorrogable a outros dous, co anterior arrendatario, polo que non se sabe se o contrato está en vigor, se está prorrogado ou cal é a situación.

Por todo isto o grupo socialista de Cospeito presenta ante o Pleno para o seu debate a moción de instar ao alcalde a que explique a actual situación do contrato da cafetería da Casa da Cultura de Feira do Monte, e se ten liquidado todo o anterior arrendatario. E a instar ao goberno municipal ao arranxo integral e non con continuas pequenas reparacións da Casa da Cultura, reparando o exterior, toda a instalación da calefación e demáis dependencias, así como o almacén, cociña e baños do sótano.

Tamén presentarán outra moción para instar ao goberno municipal a tomar as medidas necesarias para arranxar o problema do estado de deterioro no que se atopan os parques infantís de Feira do Monte e Muimenta, cumprindo así coa normativa vixente. E que presenten unha solicitude para optar ás subvencións da Xunta de Galicia para a recuperación destes.

Ademais o PSOE preguntará tamén sobre a existencia dun posible convenio con algunha protectora de animais, sobre unha factura de novembro 2018 e sobre a compra dun vehículo de uso municipal, o seu uso e método de pago.

Etiquetas