Skip to main content
Actualidade

As Pontes inviste máis de 200.000 euros na rehabilitación da rúa San Xoán

Por 8 Marzo, 2019Sin comentarios

O goberno local das Pontes adxudicou, a semana pasada, as obras de rehabilitación da rúa San Xoán, no casco vello do municipio, a BCNOR Xestión e Solucións Avanzadas S.L e continúa, así, coa súa aposta pola conservación, protección do patrimonio e a revitalización do conxunto histórico.

A obra, financiada pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos ( POS 2017) suporá un investimento de 218.576 euros e permitirá a reforma integral da rúa, seguindo os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados na recuperación da Vila.

O proxecto prevé a renovación da actual rede de abastecemento, deteriorada debido á antigüidade da mesma, a través da execución dunha nova canalización e a instalación de todos os elementos (válvulas, arquetas, bocas de rega) e as acometidas domiciliarias precisas para o óptimo funcionamento do novo servizo público.

Ademais está proxectada unha nova rede de saneamento unitaria en PVC cos correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros e a substitución das canalizacións da iluminación pública e baixa tensión.

Unha vez instaladas as diferentes redes de servizos, procederase á reposición do pavimento da rúa, tanto da calzada como das beirarrúas. Deste xeito, a actual base de soleira de formigón será substituída por laxa de granito no caso do viario e por lastras do mesmo material nas beirarrúas, seguindo a mesma formulación da rúa Real, o calexón do Trigo e a rúa Perfolla.

Esta actuación, xunto coas xa levadas a cabo e sumadas á rehabilitación do edificio situado no número 3 da rúa de Igrexa e a apertura da nova sede do Museo Etnográfico Monte Caxado, edificio tamén recuperado polo Concello das Pontes, permitirá converter ao barrio da Vila nun novo foco de interese histórico, cultural e turístico, recuperando o seu protagonismo.