Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O Concello de Guitiriz unirase ao Pacto de Alcaldes Polo Clima e a Enerxía

Por 11 Marzo, 2019Sin comentarios

O Concello de Guitiriz aprobou a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes Polo Clima e a Enerxía, o maior movimiento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático.

A adhesión implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables.

Ademáis, supón a adopción de medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.

Unha vez aprobada a adhesión ao Pacto, o Concello debe elaborar e presentar un plan de acción que garanta o cumprimento destes obxectivos no ano 2030.

Así, o Concello de Guitiriz acordou no pleno a súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030.

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo. Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e mediante esta iniciativa se poñen en práctica de xeito máis directo o ODS 13 Acción polo Clima e o ODS 17 Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

A adhesión ao Pacto dos Alcaldes, implica a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na reducción de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos.

Ademáis, dito Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao Concello para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despóis, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.

Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Direccion Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina realizará un asesoramento personalizado, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.