Skip to main content
Actualidade

A Deputación achegou 135.000 euros aos pilotos de rally da provincia

Por 12 Marzo, 2019Sin comentarios

O goberno da Deputación achegou, no que vai de mandato, 135.000 euros aos pilotos de rally da provincia. Así o avanzou o deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón durante un encontro co piloto sarriano Rubén López, beneficiario das axudas do Executivo Provincial, no que tamén participou a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez.

Rivera Capón explicou que “un ano máis, ofrecemos becas aos pilotos de rally lucenses, para as que destinamos 45.000 euros. Trátase dun programa pioneiro que puxemos en marcha dende a Deputación para axudar aos profesionais desta modalidade deportiva, que conta cun importante arraigo na nosa provincia”. Nos vindeiros días abrirase o prazo para que todos os interesados poidan presentar a súa solicitude. Toda a información poderá atoparse na páxina web www.deputacionlugo.gal.

Esta liña de axudas de carácter competitivo está aberta a todos os pilotos federados da provincia nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña, e con elas poderán sufragar os gastos federativos da actividade competitiva, a inscrición para competicións ou probas oficiais, a compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como a adquisición de pneumáticos do vehículo.

O deputado explicou que “este ano flexibilizáronse as bases para fomentar a participación dos pilotos máis novos: redúcese o peso do palmarés nos varemos  mentres que as Copas de Promoción puntuarán máis alto”.

As bases establecen que para a concesión das axudas valoraranse criterios obxectivos como o palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas; e criterios sociais: como as solicitudes de pilotos con capacidades diferentes, as de mulleres piloto e as de pilotos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A aportación mínima da subvención será de 300 euros e a máxima de 5.000 euros.

Na convocatoria de 2018 as axudas oscilaron entre os 1.300 euros e os 7.000 e beneficiáronse delas 11 pilotos: 5 do Concello de Lugo, 2 de Castroverde, 2 de Outeiro de Rei, 1 de Friol, e 1 de Sarria, Rubén López conseguiu unha achega de máis de 4.600 euros grazas aos seus logros durante a tempada.

O Executivo Provincial é o principal promotor nas 4 grandes probas de Rally, eventos deportivos con gran repercusión mediática e económica, que forman parte do Plan Estratéxico de Turismo pois atraen numerosos visitantes entre os amantes do motor, dinamizando a economía dos concellos polos que transcorren e poñendo en valor os seus recursos naturais e paisaxísticos.

Ademais o Programa Volante forma a 185 lucenses técnicas de condución seguras e de competición, unha acción dotada con máis de 17.000 euros que inclúen a participación do gañador, de xeito gratuíto, no Rally San Froilán, como membro do Club PTC.