Skip to main content
ActualidadeAs Pontes

Arranca a quinta edición de ‘As Pontes, as nosas mulleres’

Por 12 Marzo, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes botaba a andar unha nova edición da iniciativa As Pontes, as nosas mulleres a través da que se recoñece a contribución dun grupo de pontesas ao desenvolvemento local, á visibilización do colectivo feminino do municipio de As Pontes e á consecución dos dereitos das mulleres traballadoras.

Esta mañá tivo lugar a primeira reunión coas asociación de veciños de As Pontes, na que participou a concelleira de Turismo, Comercio, Hostalaría e Emprego, Ana Pena, e durante a que se acordou o sistema para elixir ás mulleres que serán homenaxeadas.

As asociacións veciñais serán as encargadas de elaborar unha proposta cos nomes das candidatas na que terán que sinalar os motivos polos que deben ser homenaxeadas, baixo a premisa da súa contribución directa no avance da equidade de dereitos, tanto desde un punto de vista persoal, profesional como social.

As entidades veciñais teñen ata o 27 de marzo para propoñer os nomes de todas as mulleres que serán homenaxeadas polo Concello de As Pontes, nun acto público que se celebrará o 18 de xullo, e no que se amosará, a través da proxección dun vídeo, algunhas pinceladas sobre a vida destas mulleres e os motivos polos cales son merecedoras deste recoñecemento.

Asemade, o Concello de As Pontes editará un libro no que recollerá a historia destas mulleres, artífices da sociedade da vila e referentes para as novas xeracións, encarnando un exemplo de traballo e loita e formando parte do acervo colectivo do municipio.