Skip to main content
ActualidadeCospeito

Máis de 40 tipos de zocas e instrumentos senlleiros compoñen o novo museo de Muimenta

Por 25 Marzo, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, coñeceu xunto a zoqueiros da zona, membros de Xotramu e veciños, o novo Museo das Zocas de Muimenta, ao que a Deputación achegou 8.000 euros, para o acondicionamento do espazo, a construción de expositores e a recuperación das pezas.

Este novo museo do patrimonio etnográfico lucense está situado no conxunto artístico da Igrexa Vella de Muimenta xunto á unha vella escola restaurada e reconvertida en museo pedagóxico. Está tamén rodeada dun campo con árbores excepcionais incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, converténdose nun entorno único tanto para veciños como para visitantes.

O novo museo, froito da colaboración da Deputación con Xotramu, pon en valor a longa tradición dos zoqueiros desta localidade na que aínda viven 8 profesionais, 4 en activo e 4 xubilados. Campos Conde felicitou “aos veciños de Muimenta pola súa dedicación, traballo e compromiso na recuperación deste patrimonio etnográfico lucense e na posta en valor do antigo oficio dos zoqueiros. Dende a Deputación sumámonos a esta iniciativa dos veciños para que recursos etnográficos formen parte do patrimonio cultural da nosa provincia, ao tempo que homenaxeamos e recoñecemos o oficio e traballo artesán dos zoqueiros, que dedicaron a súa vida a esta actividade”.

O novo espazo expositivo duns 80 metros cadrados, exhibe unha recompilación de pezas relacionadas co oficio de zoqueiro como son zocas antigas de hai 50 anos e zocas de nova elaboración, as ferramentas de traballo e os materiais utilizados na súa confección.

Na exposición, pódese contemplar ao redor de 40 pares de zocas de diferentes cores e ornamentos. Ademais das típicas zocas para homes e mulleres empregadas nas tarefas agrícolas destacan as zocas “chinelas” decoradas cun deseño máis elegante para ser usadas polas mulleres nos días festivos e as zocas con caña alta de coiro que servían para protexerse mellor da auga.

Grazas a intensa labor da veciñanza o Museo das Zocas de Muimenta pode exhibir ferramentas do traballo dos zoqueiros hoxe en día case desaparecidas como a ‘aixola’ para dar forma a zoca, a ‘trade’ para facer o buraco ou o ‘gubias’ entre outras moitas.

Neste conxunto etnográfico destaca tamén un antigo banco de traballo de zoqueiro e un carro restaurado e cargado con troncos de abidueiro no que trasladaban a madeira. A mostra complétase con fotografías do proceso de elaboración das zocas e tamén dos oito zoqueiros desta localidade.