Xornada de portas abertas na nova residencia de maiores de Pol

Os veciños polenses poderán visitar as instalacións da nova residencia de maiores por primeira vez este sábado día 30, coincidindo coa celebración da Comida da Terceira Idade. Trátase dunha xornada de portas abertas, a partir das 12.00 horas, na que todos aqueles que o desexen poderán achegarse ata o edificio para coñecer as novas instalacións e os servizos dos que disporá.

Segundo informou o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, a residencia de maiores abrirá “previsiblemente” no mes de abril aínda que a data está sen especificar.

Este centro de maiores contará con 48 prazas e inicialmente só se habilitarán doce habitacións individuais e outras doce dobres. O alcalde de Pol explicou que os interesados en reservar praza ou coñecer máis detalles sobre o seu funcionamento deberán poñerse en contacto cos servizos sociais do Concello chamando ao 982 345 038 ou 982 345 029.

Despois da ruta polas instalacións os veciños que se sumen á xornada de portas abertas poderán participar tamén na misa que se oficiará na propia residencia ás 13.00 horas.

Máis tarde, os asistentes irán ata a carballeira de Mosteiro para desfrutar da Comida da Terceira Idade, unha xuntanza tradicional que se terá lugar na carpa climatizada e que contará coa orquestra Xacobeo. O prazo para anotarse ao xantar está aberto ata o venres 29.

Etiquetas