A Xunta licita as obras da traída tralas protestas veciñais

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de mellora do abastecemento de auga do municipio lucense de Outeiro de Rei, que dispón dun orzamento de 600.000 euros.

Esta contratación chega tras as moitas protestas de veciños así como do grupo nacionalista polo estado de turbidez da auga.

Os traballos serán executados pola empresa Petrolam Infraestructuras, S.L., e dispoñen dun prazo de execución de 6 meses desde o seu inicio.

A actuación ten por obxecto reforzar o servizo de subministro de auga no concello, de xeito que os veciños poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer a súa demanda.

A intervención centrase na ampliación da rede de abastecemento, e para iso executarase a conexión da rede de distribución actual, que se alimenta dunha tubaxe que vai dende o depósito de cabeceira ata o polígono industrial de Matela, coa rede que se abastece da propia Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP).

As obras consistirán na execución dun ramal principal cunha lonxitude de algo máis de 3 quilómetros de tubaxe, e na mesma se contemplan a execución de dous cruzamentos subterráneos: un no río Miño e outro na estrada N-VI, que se realizarán mediante perforación dirixida. O cruce do río Miño terá unha lonxitude de 128 metros e o da estrada nacional será de 18 metros.

A execución do novo sistema de abastecemento está proxectadas por Augas de Galicia cara a dar servizo a unha poboación de 1.485 habitantes no horizonte do ano 2046, e tamén ás necesidades do parque empresarial da Matela e á cabana gandeira da zona.

O concello de Outeiro de Rei neste momento dispón dunha ETAP que foi ampliada en dúas ocasións para aumentar a súa capacidade, e dous depósitos de cabeceira de 1000 e 2700 metros cúbicos, respectivamente.

Estas obras contan co cofinanciamento dos Fondos FEADER, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural PDR Galicia 2014-2020.

Etiquetas