O loitador José Cuba, cuarto do Ránking Mundial

As primeiras series mundiais de loita praia que se están a celebrar na localidade portuguesa de Chaves tiveron participación vilalbesa, por parte de José Cuba, na categoría de máis de 90 kg.

O deportista disputou tres enfrontamentos e aínda que non puido superar a ningún dos seus opoñentes no marcador, os puntos técnicos acadados servíronlle para clasificarse en sétimo posto nunha categoría dominada polo acerí Oyan Nazariani.

Nun principio, este resultado xunto co quinto posto acadado no pasado mundial de Turquía, colocan ao  deportista vilalbés no número cuarto do Ranking Mundial o que lle garante provisionalmente a praza para os Xogos Mundiais de San Diego (USA), nos que participarán os oito primeiros do ránking en cada categoría. Estase a valorar a participación na segunda proba das series que se celebrará en Río de Janeiro no mes de maio e que garantiría a clasificación de Cuba para San Diego pero a carga económica desta tempada, centrada na modalidade olímpica e máis en concreto na clasificación para os Xogos de Tokio 2020, non lles permite asegurar a presenza do deportista na cita.

A próxima cita importante para Cuba terá lugar en dúas semanas en Bucarest onde se medirá aos mellores loitadores continentais no Europeo Sénior de loitas olímpicas. Esta proba é fundamental para asegurar a presenza do noso deportista no mundial de setembro que se celebrara en Astana (Kazakistán) e que pasa por ser a primeira proba clasificatoria para os Xogos Olímpicos.

Etiquetas