Comezan as obras de mellora da rede de saneamento en Marraxón de Arriba

Comezaron os traballos de instalación dunha nova rede de saneamento na parroquia pontesa de Marraxón. O proxecto, adxudicado á empresa Saavedra, cun orzamento de 66.429 euros con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña ( POS 2018), permitirá a instalación dun colector colectivo, por gravidade, que acabará en dúas fosas  sépticas comúns que darán servizo a todas as vivendas situadas en Marraxón de Arriba.

Os traballos comezarán na zona sur e levaranse a cabo na beiravía polo que non está previsto o corte do tráfico rodado, de xeito continuado, mentres que, no interior do núcleo de poboación, só estará permitido o tránsito peonil.

O proxecto tamén inclúen a instalación de arquetas de rexistro e sifónicas nos puntos de acometida das vivendas así como a súa conexión ao novo colector. Ademais, xunto coas obras de instalación da nova rede de saneamento levaránse a cabo traballos de repavimentación nas zonas afectadas.

Desde o Concello das Pontes pídese desculpas á veciñanza polas molestias que poidan ocasionar estes traballos e lembran que estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés.

Este proxecto para o rural pontés,  ao que se dedicou preto de dous millóns de euros nos últimos anos, está destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos saneamentos e ampliar os equipamentos xa existentes  co obxectivo de mellorar a calidade de vida no rural, revitalizar as parroquias e promover o asentamento poblacional.

Etiquetas