Pilar Fernández López naceu nunha casa no Coto, Abeledo, concello de Abadín. Trátase da casa na que aínda segue vivindo. Pili ten mobilidade reducida cun grao de discapacidade do 84% e precisa cadeira de rodas.
Fai uns corenta anos botóuselle pedra ao camiño que pasa xusto por diante da casa e converteuse nunha pista que quedaba practicamente ao nivel da entrada da casa. Dende hai vinte anos a pista foi asfaltada como mínimo tres veces, polo que o nivel da mesma pasou máis de 12 centímetros por riba da entrada da casa. Estas obras ocasionáronlle un problema importante, xa que o desnivel coa entrada da súa casa é tan grande que non pode saír da vivenda sen axuda xa que o desnivel supera xa o límite.
No 2013, 2014 e 2015 Pili tivo coñecemento de que ían volver botar aglomerado sobre a pista e presntou varios escritos ante o concello de Abadín solicitando que nese novo amaño non só non aumente se non que se elimine a barreira, pero non recibiu resposta por parte do Concello.
Xa no 2016 a Valedora do pobo contestoulle dicindo que iniciou “xestións directas co concello”, e que tras falar co alcalde de Abadín este dixolle que xa o intentara e que ademais había dificultades técnicas. Por esta razón a Valedora pediu ao Concello un informe técnico sobre a solución do problema e que tan pronto como o recibira poñeríase en contacto con Pili para dar conta das actuacións. O alcalde contestou e dixo que non lle fora posible poñerse en contacto co redactor do proxecto e que desexaba tal cousa para concretar todos os extremos do mesmo.
A finais do 2016 o alcalde de Abadín concertou unha cita cun representante do grupo de apoio para darlle unha solución “rápida” a todo este asunto. Un ano despois a Valedora do pobo insta de novo ao concello de Abadín a que no prazo de 15 días facilite información sobre este problema.
En marzo de 2018 a Valedora do pobo indicou que “o Concello de Abadín persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a demandamos en tres ocasións”.
Na manifestación polo Día da Muller de Vilalba do 2019 expúxose o caso de Pili e deuse lectura a un manifesto que a propia Pili fixo sobre o seu caso.”O concello de Abadín castiga a Pilar Fernández López, unha muller da parroquia rural de Abeledo, xubilada, con grave discapacidade a non poder entrar e saír pola porta da súa casa, esa que con tanto esforzo mellorou e adaptou durante toda unha vida”.
Change.org acolle unha petición, con máis de 2.543 firmas ata agora contra a “violencia institucional” do Concello de Abadín. Tamén lle presentaron un estudo técnico que valoraba en 5.600 euros a modificación necesaria pero nada lle fai rectificar ao alcalde.
Pasaron xa cinco anos e medio dende o primeiro escrito de Pili e aínda non recibiu resposta, aínda segue sen poder saír pola porta da súa casa coa cadeira de rodas de xeito autónomo.