Máis dun centenar de rapaces serán protagonistas do IV Campus Álex Llorca

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o xefe provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez, o xogador de Álex Llorca, e o director deportivo da AX Sagrado Corazón, Rubén Engroba, presentaron no Pazo de San Marcos, a cuarta edición do Campus Álex Llorca, que se celebrará na capital luguesa do 8 ao 14  de xullo.

O campus está organizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón e celebrarase no Pazo dos Deportes de Lugo e nos pavillóns anexos. Ata a data, xa hai máis de 50 inscritos procedentes de todas as provincias de Galicia, así como de Castela e León, Madrid e Barcelona.

Rivera Capón, agradeceu a Álex Llorca pola súa aposta decidida polo baloncesto e  sinalou que “contribuímos a facer posible este campus que ten a capacidade de difundir valores, é un encontro deportivo moi proveitoso para os nenos xa que combina múltiples actividades”.

Fernández Méndez destacou a tradición do deporte de baloncesto na cidade de Lugo e afirmou que “dende o Concello apostamos por programacións relacionadas co deporte e a actividade física. Durante unha semana damos a posibilidade de transmitir valores aos participantes deste campus”.

Pola súa parte, Álex Llorca agradeceu a colaboración de Deputación e Concello  e apuntou que “os nenos interesados en participar poden apuntarse a través da web do campus na que existen tres rexistros de inscrición”.

Inscricións e prazas dispoñibles

O campus está dirixido aos rapaces nacidos entre o ano 2001 e 2011, terán a posibilidade de inscribirse baixo tres modalidades: réxime externo, semiexterno ou interno. O campus conta con oito pistas cubertas de parqué flotante para nenos. Como Residencia para internos e lugar para comidas e ceas empregaranse as instalacións do CE Santa María. Así mesmo, o Concello de Lugo pon a disposición dos participantes as piscinas municipais para os momentos de lecer. O director técnico é Mateo Rubio, primeiro adestrador do equipo júnior do Fútbol Club Barcelona. Toda a información irase publicando nas redes sociais do campus e na web do mesmo www.campusalexllorca.com, onde ademais poderán inscribirse xa e sumarse aos preto de medio centenar de prescritos que xa se apuntaron. En total hai preto de 120 prazas dispoñibles.

 

Programación diaria

09:30 – Almorzo

10:30 – Adestramento técnico

11:45 – Descanso

12:15 – Adestramento táctico, toma de decisións

14:00 – Comida

16:00 – Adestramento Táctico aplicado a situación de xogo

17:30 – Merenda

18:00 – Competicións

20:30 – Cea

22:00 – Tecnificación/vídeo/charlas formativas/actividade tempo libre

23:30 – Descanso

Etiquetas