Marisol Morandeira substitúe a Regina Polín ao fronte do PSOE de Guitiriz

O PSOE presentou este sábado a súa nova candidatura á Alcaldía de Guitiriz para as vindeiras eleccións municipais, que encabezará a Secretaría Xeral da agrupación socialista guitiricense, María Sol Morandeira Morandeira. Fíxoo nun acto no que participou a actual alcaldesa de Guitiriz, a socialista Regina Polín García, o secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a secretaria de Organización Provincial, Mar Rodríguez, e un cento de veciños do Concello.

María Sol Morandeira, veciña de Guitiriz dende hai 24 anos, funcionaria na Seguridade Social e militante do PSOE dende hai 8 anos, recolle a testemuña a Regina Polín. “Quero dar as grazas a Regina, Álvaro e a Mar por todo o seu apoio. De xeito especial a Regina, pois apostou por min dende o principio como a mellor opción para seguir traballando neste proxecto social e de futuro para Guitiriz que ela mesma iniciou e liderou durante 16 anos. O listón queda moi alto e é moi difícil de superar, pero non vai a faltar ilusión, ganas e traballo e máis traballo. Empecei na política e a formar parte do Partido Socialista por Regina, pois ela fíxome ver con feitos que o PSOE é o partido dos veciños, o partido que os representa, os defende e traballa sempre na busca de solucións ás necesidades dos veciños. E iso é facer política. Teño a sorte de que Regina me vai a acompañar nesta nova etapa e me vai a axudar e aportar toda a súa experiencia. Xunto a ela, todos os compañeiros que formamos parte desta nova candidatura imos a facer todo o posible, por traballo non vai a ser, para seguir con todos os proxectos de futuro que nos deixou Regina no Concello e a poñer en marcha novas iniciativas para ofrecer a todos os veciños de Guitiriz servizos e oportunidades de vida, para que o noso Concello siga sendo un dos poucos da provincia con máis de 5.000 habitantes como sempre foi o empeño da nosa a alcaldesa e o conseguir facer, para seguir vivindo nun pobo alegre e nun clima de convivencia, pois non podemos retroceder aos anos escuros e á crispación do PP”.

A alcaldesa destacou que “temos a mellor candidata, unha persoa chea ilusión, ganas, traballadora e cun forte espírito social para seguir pelexando e loitando polo noso Concello e a súa xente que tanto queremos. Guitiriz non pode volver a era da escuridade do PP. No 2003, cando cheguei á Alcaldía, faltaban necesidades básicas. O PP tiña parroquias enteiras sen luz pública, barrios cun único foco. Íamos por Pígara e non se sabía que había pobo, estaba a escuras. Non se podía acceder a barrios enteiros, aos fogares de moitos veciños, porque non había accesos públicos en condicións, había lameiros. Nada se fixera nunca polo saneamento dos nosos ríos. Nin tan sequera tiñamos Axuda no Fogar. Algunha asistente ía a casa dalgún veciño, nun coche municipal, sen contrato”.

“Na primeira lexislatura centrámonos en dotar ao noso pobo de servizos e necesidades básicas para o día a día de calquera veciño: ofrecer alumeados públicos a todos os veciños, accesos públicos a todos os núcleos poboacionais ou un servizo de Axuda no Fogar digno para todos. Hoxe Guitiriz conta cos mellores servizos sociais da contorna. Temos 4 traballadoras sociais no Concello, contratamos a outros 28 e remataremos este mandato, incorporando a outros 14 profesionais. Puxemos en marcha un Punto de Atención a Infancia que conta con 30 usuarios e ten lista de espera. Queremos convertelo nunha Escola Infantil”.“No 2011 e ata 2015, volvemos aos anos negros. O PP desfixo practicamente todo que fixeramos. Por exemplo, pechou o servizo de atención psicolóxica do Concello que atendía a máis de 50 persoas e que volvemos a recuperar neste mandato; recortou o horario do Punto de Atención á Infancia, que nós volvemos a incrementar e potenciar; ou paralizou a construción da residencia na Casa da Botica que nós, despois de moitísimas trabas burocráticas, recuperamos e contratamos as obras con axuda da Deputación”.

Cumprido o programa electoral
“Presentámonos ás eleccións do 2015 cun programa electoral que cumprimos, con medidas para facer aos 100 días de goberno, que fixemos antes dese tempo. Puxemos en marcha un centro de día municipal, rehabilitando a Casa dos Antigos Peóns Camineros. Recuperarmos e demos un uso público e social a inmobles locais sen uso como a Casa de Becín ou Campoverde. Despois de 4 anos de escuridade, imos a ter residencia e a rehabilitar a emblemática Casa da Botica. Quédanos pendente a aprobación do PXOM, que está en mans da Xunta onde goberna o PP. E grazas á chegada do PSOE ao Goberno do Estado imos poder empregar 3 millóns de euros do Concello que estaban no banco e que o PP non nos deixaba empregar. Tivo que chegar o Partido Socialista ao Goberno Central para desbloquear isto”.

Regina Polín deu as grazas a “todos os meus veciños por apoiarme durante estes 16 anos. Sen vós non sería posible. Ao Partido Socialista por confiar en min. E a María Sol por estar disposta a coller o testemuña. Sei que o vas a facer e que é o mellor para todos os nosos veciños”.

Unha alcaldesa e muller de referencia
Santos Ramos destacou que “despedimos a unha alcaldesa e a muller de referencia no Partido Socialista, que segue a ter moita forza para seguir aportando e colaborando. Sei que o vai a facer porque é socialista e por riba de todo veciña de Guitiriz. Xunto iniciamos unha nova etapa con María Sol, unha persoa traballadora, valente, empática, chea de ilusión e gañas por facer máis socialismo no Concello”.

“Guitiriz é exemplo de que cando gañan os socialistas gañan os veciños”. Neste senso, o secretario Provincial detallou os máis de 3 millóns de euros de investimentos que achegou o PSOE ao Concello dende o Goberno da Deputación para servizos públicos. “Financiamos o saneamento e o colector no río Veiga, arranxamos a estrada de Vilares, humanizamos a zona da Feira de Parga, contratamos as obras da residencia…e que fixo o PP dende a Xunta? Nada”, apuntou. Santos Ramos tamén puxo en valor os 300.000 euros máis ao ano que recibe Guitiriz tras o incremento das pensións que levou a cabo o PSOE dende o Executivo do Estado, beneficiando directamente aos 2.100 pensionista do Concello, ademais do aumento do Salario Mínimo Interprofesional ou a baixada do paro, con máis persoas afiliadas á Seguridade Social e máis contratos indefinidos, entre outras medidas.

Unha lista que representa á sociedade
Morandeira presentou a nova candidatura do PSOE, que conta con persoas con experiencia na política municipal, xente nova e preparada, que representa ás diferentes parroquias e sectores laborais do municipio. Integran a candidatura socialista: María Sol Morandeira Morandeira, Paula Campo Barral, Carlos Plácido Buján López, Laura Ageitos Miragaya, Iván Morado Corral, Ainara Pérez Losada, María del Pilar Vázquez Ares, Juan Paz Paz, Javier Freire Caamaño, José Grandío González, Julio Pereira Fernández, María Cristina Permuy Sánchez, Ángel Varel Río. Suplentes: José María Vázquez Ares e Fátima Saavedra Orro.

Etiquetas