Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Repartidos 350 exemplares de árbores entre as diferentes asociacións da provincia

Por 9 Abril, 2019Sin comentarios

A Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo recibiu 350 exemplares de árbores, a maioría  castiñeiros, que serán repartidos polo colectivo entre diferentes asociacións da provincia. Son exemplares de especies autóctonas que proceden do viveiro de Sambreixo en Guitiriz.

Facilitaronse árbores para plantar en torno ás datas de celebración do Día Internacional dos Bosques que se conmemorou o 21 de marzo. Nesta ocasión, fixose entrega de 270 castiñeiros, 25 cerdeiras, 15 freixos e 25 pradairos ao colectivo veciñal da provincia de Lugo.

Lembrouse a importancia de que toda a sociedade se implique no coidado do entorno natural e de xeito especial destacou a relevancia de concienciar aos rapaces máis novos, e nese sentido estanse a desenvolver actividades divulgativas en colexios de toda a provincia co obxectivo de sensibilizar aos escolares sobre a necesidade de preservar os montes.

As actividades son realizadas por persoal dos distritos forestais e inclúen plantacións, charlas explicativas e demostracións para concienciar aos nenos e nenas sobre a importancia das árbores no noso entorno e  sobre a prevención dos incendios forestais.

Estas actividades, programadas en torno á data de celebración do Día Internacional dos Bosques, xa se levaron a cabo en distintos centros educativos e está previsto que continúen durante este mes noutros colexios.

O monte constitúe “unha parte fundamental e elemento diferenciador do noso territorio”, que supón unha “fonte de prosperidade e riqueza ambiental, económica e social”, de aí a importancia de realizar unha xestión eficiente e sostible e de que os montes estean limpos e ordenados para que manteñan o seu valor e estean mellor protexidos ante os incendios forestais.