O Concello de Meira mellorou a calidade da auga potable e as captacións en 11 núcleos rurais

O Concello de Meira destinou 300.000 euros para mellorar a calidade da auga potable e as captacións no municipio. O alcalde, Antonio de Dios Álvarez, destacou que “se trata do ambicioso proxecto que puxemos en marcha dende o Goberno Municipal, actuando en 11 núcleos rurais e beneficiándose destas melloras máis de 250 veciños”.

O Concello de Meira acondicionou a captación de auga en Vilar de Mouros, con 180.000 euros; melloraron as traídas de auga de Val da Cal, Corbaceiras, Orpín, Chalés Vega de Oro e rúa da Valsa, con 108.000 euros; dotaron dunha fonte en Murias e arranxaron a do Piñeiro, con 24.000 euros. Isto súmase aos traballos realizados anteriormente polo Concello para recuperar as fontes de río Longo, Vilar de Mouros, Debesa e Rielo.

O rexedor socialista explicou que parte do orzamento provén do Goberno da Deputación “do que estamos moi agradecidos e que forma parte da intensa colaboración conxunta por mellorar as prestacións públicas dos veciños de Meira”. Neste eido, Antonio de Dios subliñou que “acabamos de instalar cloradores de auga potable automáticos aos 4 depósitos do Concello: nas Pedreiras, Paredes, Grañanova e Rielo porque somos conscientes da importancia da calidade da auga potable para os nosos veciños”.

Máis melloras en Carota e Vilar de Carota
O alcalde de Meira avanzou que estes traballos non son os únicos que vai realizar o Concello, posto que ten o proxecto redactado para mellorar a traída de auga na parroquia de Carota, “estamos á espera do permiso da Confederación Hidrográfica para comezar as obras”. Ademais, o Goberno Municipal Socialista ten previsto acondicionar as traídas de auga de Vila de Carota.

Etiquetas