O BNG presenta o proxecto para a creación dunha rede de vivenda públicas en Bretoña

A tenente-alcalde e voceira do BNG no concello da Pastoriza presentou unha proposta para reconverter as escolas das parroquias da Pastoriza en vivendas públicas para persoas que se acheguen a traballar a este concello “ademais de traballadores para as explotacións agrarias, tamén temos demanda en sectores como a construción, electricidade, mecánica ou atención no fogar”, explicou Elva Carrera, que estivo acompañada da candidata do BNG ao Congreso, Maite Ferreiro, nesta presentación dunha rede de vivendas municipais públicas.

O proxecto presentado consiste na rehabilitación de escolas rurais nas parroquias. Cada unha destas vivendas albergaría unha ou dúas vivendas e un local de uso social. No caso das antigas escolas de Bretoña “temos un proxecto de dúas vivendas na planta alta e un local de uso socio-sanitario na planta baixa” explicou Elva Carrera. A adaptación de este edificio podería ser financiado con fondos propios municipais e aportacións de fondos do Plan Único da Deputación que recibe o concello da Pastoriza. Para a implementación desta medida o concello terá que crear unha ordenanza que regule o uso das vivendas.

Pola súa banda, a candidata ao Congreso, Maite Ferreiro, sinalou “temos propostas concretas para o rural e nos concellos onde goberna o BNG materialízanse alternativas, como esta que presentamos hoxe, para facer realidade medidas que de apoio á revitalización do rural”. Elva Carrera cifrou en 75.000 euros o importe necesario para a actuación no edificio de Bretoña. Este tipo de intervención extenderiase, segundo a proposta do BNG, a outra parroquias da Pastoriza nas que tamén existen escolas rurais como Vían, Úbeda, Reigosa, Crecente, Pousada, Baltar, Álvare e San Cosme. A tenente-alcalde precisou que “as escolas destas parroquias xa contan centros de uso social no baixos dos edificios, agora ampliarimos a rede de vivendas municipais públicas arranxando as vivendas na parte superior”

Contactos cunha ONG para achegar man de obra
Ademais, Elva Carrera explicou que xa iniciara conversas con unha ONG “para poder achegar á Pastoriza man de obra cualificada, que as empresas da zona non poden cubrir por que non atopan persoal na zona”. Tratariase de poñer en contacto a persoas que contan coa formación necesaria e que son demandantes de emprego coas demandas de man de obra existentes no concello e para as que non é posible atopar persoal cualificado e interesado.

Etiquetas