Meira inicia o domingo o seu programa de Semana Santa

A Confraría Nosa Señora do Pedregal ten preparado xa o programa de Semana Santa deste ano no que se conmemora tamén o décimo aniversario da creación desta confradía.

Tamén, por primeira vez, esta confraría irmandouse coas dúas existentes na Pontenova e celebrarán de forma conxunta Semana Santa. De feito, os actos repartiranse do seguinte xeito, os meiregos visitarán A Pontenova o Xoves Santo e os veciños acudirán a Meira o Venres Santo.

Para celebrar a popular Semana Santa en Meira abrirán a programación o 14 de abril, Domingo de Ramos, coa procesión da Borriquita na que participan uns 40 nenos e nenas, tendo lugar a bendición dos ramos ás 19 horas na Praza Maior, e a continuación a celebración da eucaristía.

O 17 de abril terá lugar a popular Tamborrada, ás 22 horas. As dúas formacións de percusións participantes, Peña Santa María e Peña O Formento, sairán da igrexa que percorrerán as rúas da vila anunciando o comezo da Semana Santa.

O 18 de abril, Xoves Santo, será a celebración da Última Cea ás 18 horas. A continuación, a Confraría Nosa Señora do Pedregal participará na procesión que se celebra na Pontenova.

O Venres Santo terá lugar o Vía Crucis solemne ás 12 horas polas naves da igrexa (rito tradicional dos monxes de cando o cenobio estaba aínda habitado). Ás 20:30 horas celebración da Paixón e a continuación Procesión do Santo Encontro coas imaxes da Virxe das Dores, o Cristo Nazareno e o Cristo Crucificado, na que participan máis de 300 persoas, a Banda Municipal de Música, Banda Municipal de Gaitas e as Confrarías da Pontenova (Confraría do Cristo da Agonía e Confraría da Esperanza).

Paralelamente aos actos relixiosos, haberá unha exposición na igrexa de Meira dende o domingo 14 ao domingo 21, dos 10 anos de historia da confraría, así como imaxes das procesións, hábitos dos confrades, carteis, etc.

DÉCIMO ANIVERSARIO

Este ano, con motivo do décimo aniversario, elaborouse unha revista conmemorativa das distintas actividades que se levan realizado dende a súa creación.

A Confraría Nosa Señora do Pedregal creouse o 22 de febreiro do 2009 con 80 confrades, sendo na actualidade 470. Realiza actividades durante todo o ano, tales como o Belén vivinte, Cabalgata de Reis, mercadiños benéficos, obradoiros, xantar popular, alfombras florais, chocolatada de Nadal, etc.

No 2011 organizaron as alfombras florais de Lugo con motivo da festividade de Corpus, alfombrando a Praza de España, a Praza de Santa María e a contorna da Catedral. Ademais, a confraría está a estudiar a celebración dun concerto de música medieval de cara ao verán.

Para conmemorar o aniversario deste confraría, esta ten previsto celebrar o día 17 de maio un xantar de irmandamento.

Etiquetas